ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

tres poemas de NA CASA DA AVOA (Marta Dacosta, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 19 Outubro 2017 @ 5:32 p.m.

ATENDE, escoita

vai tirando amodiño do fío da conversa

hache contar do tempo en que a tía chegaba

e coa nai preparaba as infusións de ruda

sen que ninguén contara o porqué do silencio

 

verás, observa

non é a avoa quen fala, volve ser una nena

escoita a través dela a todas as avoas

é a voz das mulleres que son a túa estirpe

as que te foron parindo xeración tras xeración

 

escoita, atende

hai segredos ocultos como xabón de olor

no fondo dos armarios, cando os atopas gozas

do seu perfume intenso e sentes que encontraches

unha alfaia magnífica que estiveras buscando

 

observa, verás

que o mapa do tesouro se compón de silencios

e palabras deitadas coa perfección do lance

para atopar a punta do fío que te guíe

por ese labirinto que chamamos memoria

…………………………………………………………………………

DESTEZO

e agardo

 

aquí

no centro deste músculo que bate

rítmicamente as horas

 

aquí

nas entrañas que devoran

ácidas o espazo

 

destezo

e agardo

 

porque non sei

se chegou o tempo do regreso

para min

que non fun convidada

a partir

……………………………………………………………………………………

EXHIBO o meu corpo

a súa evidente asimetría

a súa obesidade

 

exhibo depósitos de graxa

nas cadeiras

nas coxas

 

exhibo os peitos des-

colgados

a brandura dos núsculos

 

exhibo a pel reseca

as súas escamas

as feridas

 

exhibo os pés endurecidos

os dedos deformados

artellos abultados

 

exhibo o cabelo

encanecido

pobre

 

nada vos oculto

esta son

e así me exhibo

 

non preciso, NON QUERO

que toquedes

esta imaxe

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.