ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de NA BUTACA (Sther F. Carrodeguas, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 1 Novembro 2017 @ 6:33 p.m.

A POESÍA DENDE A BUTACA

Título: Na butaca. Fanasía nº 3 en Dor Maior

Autora: Sther F. Carrodeguas

Editorial: Galaxia

O proxecto literario que hoxe traemos  a estas páxinas da Ferradura é ben sinxelo e á vez ben complexo. E, por suposto, experimental. Consiste nunha butaca, todas as páxinas teñen, no fondo, a imaxe dunha butaca, aínda que estas non sexan as únicas imaxes presentes no poemario. Un poemario que consite no que se ve dende a butaca, ollando cara a fóra, e sobre todo cara adentro, a vida, ollar pasar a vida sentada a voz poética nunha butaca. Pode parecer simple, e éo, inclusive reducionista, e aí está o erro, porque ver pasar a vida resulta ben complexo. Ver pasar a vida ollando cara a dentro, nun exercicio de introspección que se volve unha proxección cara á páxina do mundo interior e o desexo de  esquecer / esquecelo todo /esquecer absolutamente todo para simplemente ser. Nunha tentativa positivista de non falar / sorrir (…) ser / non dicir nada (…) esquecerse sen dor. Dicimos positivista porque non se trata de proxectar unha visión amarga da vida, unha visión tráxica, senón todo o contrario, case, esquecerse ata de morrer / non morrer nunca (…) sen pensar, mais non vai evitar pensar, non o fará propositadamente mais non deixará de pensar ou o poemario morrería xusto cando comezaba.

                     Un poemario que é un longo poema único, por iso as páxinas non están numeradas, para reforzar a idea de poema único. Un longo poema único que se adona do espazo en branco que é a páxina adoptando moitas veces a forma de caligrama, case sempre, unhas veces con meirande claridade e outras, as menos, con menor intención. Tanto ten a idade da voz poética, ter 9 / ter 21 /  ter 29, neste xogo a voz poética pode ter a idade que se quixer, case, nunca ter 62 , con tal de estar, estar na butaca, permanecer, manterse. A intención é estar na butaca e ver o mundo pasar, nun relaxo enorme, inmenso / infindo. Sendo a butaca lugar de proxección da visión, púlpito cara adentro e cara a fóra. Por exemplo, unha das cousas que pode facer dende a butaca é ver a tele porque a tele ser a vida / ser a túa vida, e aparece no fondo da páxina a imaxe da tele canda a butaca, máis adiante aparecerán outras cousas, unha cadeira, unha cama, unha alfombra, unha coroa, unha flor, notas musicais, unha lámpada (que se repite, coma a flor), e ao poema non lle chega a páxina, é como dicimos un único poema longo mais hai que ler páxina a páxina e non lle é espazo suficiente, por iso hai dúas páxinas, contra o remate, en que non aparece a butaca, aínda que é o derradeiro que hai no poemario. Un poemario esencialista onde o verbo tende a ir en infinitivo e procura a esencia da vida a partir da contemplación desde a butaca.

                     Paira sobre o poemario un ar nihilista ben perceptíbel no ver a vida pasar sentado na butaca. Nihilista e positivista, como xa dixemos, pois a finalidade é ser feliz aínda que sexa vendo a ruleta da fortuna na tele, ou simplemente sendo, que un pode xogar a ser múltiples cousas, por exemplo a rir, rir /a esgalla, ata retorcer o poema e volver a páxina do revés, porque todo é simple xogo, o poemario enteiro é xogo, un xogo esencialista, pois consite en ser, ser feliz, co mínimo imprescindíbel mais case sen relación cos demais, co  ti, ser feliz sendo a única cousa sobre o mundo, ser feliz na soidade. Mais non esquezamos o subtítulo: “Fantasía nº 3 en Dor Maior”. É dicir, trátasse dunha fantasía. Despois de todo o espírito lúdico que impregna o poemario, este é unha fantasía, non o esquezamos, unha fantasía en dor maior, unha fantasía que se proxecta desde a dor maior. Aberta queda a interpreteción para esa “dor maior”, mais á vita do poemario, unha vez lido, non cabe outra posibilidade que identificar esa “dor maior” coa vida, de aí esa necesidade de ser feliz como única meta válida, como único obxectivo aceptábel.

                     O espírito lúdico e experimentalista non abandona nunca o discurso nun poemario no que tamén hai sitio para o medo sen saber /onde estar / ter medo / berrrar aínda que tampouco é un exercicio de soidade extrema pois contempla visitas (vir a verte / moita xente ) estas son desde a tele. Mais o mundo interior, todo o poemario é unha reivindicación do mundo interior, pode ser moi grande e, indirectamente, estase a reivindicar o dereito a soñar ( na butaca  / estar no mundo enorme / ser / enorme), a ser múltiples cousas, ser o que se queira, mais ser feliz.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)