ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de ANÍBAL E A PINTORA (Xabier Paz, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 8 Novembro 2017 @ 6:49 p.m.

HISTORIA DUNHA OBSESIÓN

Título: Aníbal e a Pintora

Autor: Xabier Paz

Editorial: Xerais

Despois de As vidas de Nito e A galera de Xelmírez volve aos trinques Xabier Paz con Aníbal e a Pintora, moito máis parecida a aquela primeira Renacer. Aída que, no fondo, a narrativa de Xabier Paz estrutúrase a redor dunha biografía, con máis claridade n´As vidas de Nito esta tamén se nota n´A galera de Xelmírez e volve outra vez á actualidade en Aníbal e a Pintora,  onde troca o XVI veneciano de Renacer polo XVII italiano (Roma, Nápoles, Florencia) e mesmo londiniense.

                     Aníbal e a Pintora é a historia dunha obsesión, a que lle nace a Aníbal despois de contemplar na Internet un cadro dunha pintora italiana do século XVII, Artemisia Gentileschi, a quen el denominará a Pintora. Artemisia Genlischi foi unha pintora da primeira metade do século XVII, cunha forte personalidade e vida azarosa que van fascinar a Aníbal deica o momento en que non existe outro motivo vital para Aníbal que non sexa investigar máis datos a cerca da Pintora. A morte de Aníbal déixalle en herdo ao narrador un feixe de escritos e libros sobre a Pintora que relatan a obsesión de Aníbal pola figura de Artemisia Gentileschi. Con ese material, o narrador procederá a darlle forma de novela, non sendo inmune ao fascinio de Artemisia, e o resultado é o discurso que o lector está a ler, seguido dunha selección de cadros da Pintora que pecha o volume.

                     Artemisia era filla de Orazio Gentileschi, pintor romano da escola de Caravaggio que, unha vez que a nena medra, véndoa con grandes dotes para a pintura, lle procura un profesor particular, Agostino Tassi, que abusará da moza, violándoaa. Artemisia, entón, aférrase a un posíbel matrimonio como reparación, mais Agostino xa estaba casado. Orazio denúnciao ao tribunal papal e séguese un longo proceso no cal a moza Atremisia será obxecto dun ignominioso exame do seu sexo así como de torturas para comprobar que mantén a mesma versión con torturas que sen elas. Agostino remata sendo condenado, mais a unha pena irrisoria, desproporcionada co mal causado. Casa entón co pintor florentino Pierantonio Stiattesi e  partir de aí ela xa ten decidido que quere ser pintora, como antes o foran Sofonisba Anguissola, Lavinia Fontana, Fede Galizia ou Bárbara Longhi, que poden ser consideradas antecesoras das propia Artemisia. O casamento, aínda que un arranxo, supón certa liberación do xugo paterno, pois o pai, Orazio, ademais de mestre e carcereiro de Artemisia tamén era xuíz implacábel do traballo da filla.

                     A novela, ademais da relación obsesiva de Aníbal coa figura de Artemisia, ben pode ser considerada como a biografía desta e os seus traballos para ser muller e pintora na primeira metade do século XVII. De feito, Xabier Paz demostra un extraordinaio coñecemento das técnicas pictóricas do momento e relata pormenores das dificultades que Artemisia vai atopando na súa tarefa. Mais o principal encordio que ten que sotear Artemisia non é relativo á técnica pictótica senón ao feito de  ser muller, pois polo feito de ser muller vese impedida de acceder aos grandes proxectos pictóricos que a Igrexa proxectaba. Ser muller e Pintora, nada menos. Se ser muller no século XVII xa era difícil pola descondidración que o sexo feminnino tiña que afrontar, ser ademais pintora e vivir do seu traballo incrementa a dose de dificultade. Porén ela saberá amoldarse aos gustos das diversas cidades polas que pasa (Roma, Nápoles, Florencia, Londres) sen deixar de ser ela mesma.

                     Mais onde a novela sobresae é nas ricas construcións de ambientes. Moi atento ao pormenor, o narrador é moi hábil e rico nas descricións, xa sexan físicas, emotivas ou relativas  ao mundo cultural da época, que atopa nesta Aníbal e a Pintora unha novela onde o ambiente cultural fica fenomenalmente retratado. E tamén na habilidade coa que o narrador deixa aparecer as voces do século XVII, dándolle así un ar de novela histórica moi ben levado a esta historia dunha obsesión. Así, Aníbal e a Pintora tamén rescata do esquezo unha muller excepcional que chegou a ter ampla reputación no seu tempo, así tivo que ser para poder vivir da pintura, para despois caer no esquezo ata a segunda metade do século XX, cando comeza a ser reivindicada e tida como portadora dun feminismo incipiente que se manifesta na súa vida e na súa obra.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)