ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de Á SOMBRA DOS BONSAIS (Antón Riveiro Coello, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 15 Novembro 2017 @ 6:53 p.m.

LITERATURA BONSAI

Título: Á sombra dos bonsais

Autor: Antón Riveiro Coello

Editorial: Galaxia

Pouco a pouco vaise asentando a literatura Hiperbreve ou Mínima entre nós. Títulos como o que nos ocupa hoxe nestas páxinas da Ferradura danlle frescura e valor. Antón Riveiro Coello aceptou o reto que supón crear nun espazo reducido, alí onde unha palabra de máis ou de menos supón pasar do éxito ao fracaso máis absoluto e saíu do envite con memorábel fortuna. Primeiro chamoulles postais ( outra forma de refirse á literatura Mínima ou Hiperbreve) e tiveron eco, como non, na Internet, en Facebook, cunha periodicidade anárquica, Antón Riveiro Coello premiaba os seus lectores cunha desas postais. E despois, visto éxito da iniciativa decidiu partir desas postais e dalgunhas publicacións soltas para armar este Á sombra dos bonsais que agora o lector pode desfrutar en papel. Agás os once primeiros contos, que son literatura moi breve, todo o resto é litteratra Hiperbreve ou mínima.

                     Dispotos de maior extensión a menor, agás os primeiros once, cunha extensión máxima de tres páxinas que despois vai diminuíndo, todo resto son microcontos, é dicir, contos que teñen unha extensión máxima de páxina e media e rematan cun de tres palabras. Nin que dicir ten que extensión tan breve require unha intensidade máxima, rematando cun lostregazo climático que nos obriga a repensar todo o lido anteriormente facéndonos recalibrar a lectura. Porque iso é o que son os microcontos. Non confundir cos microrrelatos, os  microcontos contan unha historia, os microrrelatos non aínda que manteñan o remate lostregueante. Sempre sen perder a impronta que o define no panorama das nosas letras: esa tenrura mesturada con abraio que o fai recoñecíebel a calquera lector.

                     Xa nos contos moi breves ten ocasión de exercitar unha das estratexias típicas da literatura  Hiperbreve, a equivocatio, no conto do home que matou a Franco e resultou ser un lobo, ou n´”O imitador” onde, cunha lembranza a Castelao -as súas Cousas son literatura Mínima- requiren o imitador para que lles lembre as voces dos defuntos, ou en “ Morte na rúa “ onde só no remate se sabe a quen de verdade se matou. Son once ocasións onde exercitarse na extensión breve que culminarán nas máis de oitenta ocasións de literatura Hiprbreve que veñen a continuación e onde Antón Riveiro Coello ten ocasión de tocar algúns dos temas e estratexias preferidos na literatura Hiperbreve. Tales como a inxenuidade, o dobre, o  suicidio, a soidade, o humor, a morte, o epitafio, a timidez, os soños, a mentira, as máscaras, o oficio da escrita, o  refrán ou as personaxes.

                     O humanismo caracteriza todos os seus microcontos, amosándose moi hábil na rápida creación de ambientes e na configuración das personaxes en breves trazos. Mais a estratexia preferida é o contraste entre a situación de saída, comezo, e o remate que nos dea a verdadeira dimensión do narrado. Non cómpre máis para que o autor dea unha auténtica lección de contención narrativa combinada cun remates lostregueantes que levan o lector a admirar a destreza no oficio narrativo que, cal prestidixitador, o mantivo atento a unha liña narrativa mentres polo fondo ía tecendo os fíos doutra que resulatrá ser a defintiva, a que dea a verdadeira dimensión do conto. Para os que acusan esta modalidade literaria de desatender a realidade presente, cómpre dicir que o autor non esquece un tema tan candente como o da lingua en “The disappearance of the galician language”.

                      Á sombra dos bonsais  é un auténtico exercicio de mestría narrativa, pois Antón Riveiro Coello amósanos a súa excelencia alí onde non hai o máis mínimo lugar para o erro, porque non hai ocasión para enmendalo máis adiante. Cómpre saudar a iniciativa editorial de dispoñer cada microconto nunha páxina, establecendo así unha zona de reflexión que sería imposíbel se os microcontos foran moreados un tras outro. De xeito que lemos un e temos tempo de reflexionar sobre o lido, ese tempo que nos está a pedir que leamos outro máis e despois outro até rematar o libro nunha sentada, indo da máxima extensión á mínima e preguntándonos como resolverá o autor a maior esixencia do mínimo de palabras.. Se ben tamén hai que salientar que, como sempre na literatuta Mínima, o libro tamén se presta moito ao folleo, á lectura libérrima e desordenada que cadaquén goberna á súa maneira, agradecendo e pedindo segundas lecturas, outra vez como sempre na literatura mínima, que axude a desentrañar a estratexia seguida polo narrador no seu labor de sedución para co lector.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)