ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de LUNS (Eli Ríos, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 22 Novembro 2017 @ 7:16 p.m.

A TRAXEDIA NO COTIÁN

Título: Luns

Autora: Eli Ríos

Editorial: Xerais

Nerea, 37 anos, casada, funcionaria, dous préstamos, unha hipoteca, dous fillos, con casa propia, un luns recibe a noticia: ten cancro de mama, tipo IV, quédanlle dous meses de vida, en maio todo terá rematado, como é unha persoa nova poida que o prazo se alongue a tres meses. Dous meses e mil cousas por facer, para deixar a vida organizada. Porén a realidade é teimuda, non llle permite enfrontarse á situación de cara, todos os días ten unha rutina que facer, levantar os nenos, ir á praza, levar a Sofi ( a filla maior) ao colexio, preparar o almorzo do marido, recoller a Marquiños ( o  fillo pequeno) onda veciña que o garda e  levalo á gardaría, ir ao traballo, facer recados, recoller a Marquiños, facer o  xantar, comer, recoller a Sofi, levar os cativos ao parque, darlles a merenda, coidar que fagan os deberes, darlles a cea, bañalos, levalos á cama, realizar traballos domésticos, cea co marido. Con tanto que facer e  apouca a xuda que recibe do marido, quen ten tempo para enfrontarse a novidades?

Porque a traxedia está aí, onde menos agardas. Non esquecelo, a traxedia está aí, onde menos a agardas. Desde que o luns lle deron a noticia, asúmea, mais non lle queda outra que continuar coa rutina diaria. Ademais Manuel, o marido, tampouco acaba de vrer a noticia, non recibe del o apoio agardado, vese ela soa contra o mundo, que neste caso é ela soa contra o cancro e eses dous meses que lle quedan de vida. Escrita en primeira persoa, período curto, ás veces mesmo parecen versos, esta Luns de Eli Ríos é  a novela ganadora do Torrente Balleter en lingua galega 2016. Trátase dunha novela de ritmo lento que queda anulado pola vertixe da rutina diaria, e a novela é iso, a exposición da rutina de todos os días, que é a exposición da soidade de Nerea, porque é ela soa a que se ten que enfrontar a todo, o marido só é alguén con quen convivir desde hai 15 anos, outra rutina diaria a contrastar coa súa, traballa no mantemento dun hospital, unha rutina allea que de repente entra pola casa adiante.

Luns reivindica o valor das mulleres que, como Nerea, levan sobre si o peso dunha casa, o peso dunha familia, sen cae axuda. Verdadeiras heroínas do día a día, heroínas anónimas que fan posíbel a existencia desta sociedade que as agacha, que as nega, que lles rouba a voz e as minimiza. Luns é toda unha declaración de intereses que leva aparelladas outras reflexións, entre as que saliento moi especialmente o valor da vida fronte a  esa rutina que nos tiraniza os días. A vida é outra cousa diferente desa vertixe diaria. Cando caemos na rutina, caemos nun pozo sen fondo que nos fai iguais todos os días e devimos nun Sísifo camusiano que revela o absurdo da vida. E Nerea vaino aprender o día en que decida rebelarse e tomarse un tempo para si mesma. Aínda que ela leva a morte pintada na cara decide vivir e deixar a rutina, aparcala durante unhas horas despois de quince anos. Esta rebelión é a que decide o futuro da novela, un futuro que non deixará de ser tráxico mais que resulta diferente ao que en principio se pensaría.

A medio camiño entre a novela e a novela breve, ten 150 páxinas mais as personaxes son poucas e o asunto único, Luns representa unha aposta estética decidida e firme que constata o nome de Eli Ríos como un dos valores a seguir nesta nosa literatura, pois fai partícipe ao lector do día a día de Nerea que envolve a traxedia do seu cancro. Desde que ela recibe o diagnóstico nada é como se agardaría, agás esa rutina diaria que non entende de traxedias persoais, e que a expón a unha soidade íntima, no medio de todos e contra o mundo, enferma terminal e contra o mundo. O lector asiste de primeira man a esa soidade e  esa traxedia envoltas no día a día que se nos revela como unha condena e como unha salvación, pois quen dera que ese día a día fose como sempre, a rutina de sempre, mais nin iso, agora é ela, enferma terminal, contra o mundo, de nada lle serve a condena da rutina, xa non é ese caxato que nos axuda a levar adiante os días, é unha lápida co seu nome disfrazada e reptición mecánica de determinadas tarefas ou quefaceres diarios.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)