ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de LUMES(Ismael Ramos, Apiario)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 6 Decembro 2017 @ 8:23 p.m.

OS MICRORRELATOS DE  ISMAEL RAMOS

Título: Lumes

Autor: Ismael Ramos

Aditorial: Apirario

No ano 1999 Anxo Pastor publicaba en Espiral Maior Sombra fértil unha coleccción de micorrelatos e microcontos á sombra da poesía, coma se foran poesía. Neste 2017 Ismael Ramos fai propio con Lumes, tamén unha colección de microrrelatos coma se foran poesía. A contaminación xenérica foi sempre o motor que fixo avanzar a literatuta. Neste caso trátase de contaminación da poesía por un des-xénero, unha nova tipoloxía textual totalmente á marxe da tradición herdada, coa que convive nestes días nos que Literatura Mínima ou Hiperbreve loita por  facerse un oco no panorama editorial. E, aínda que está perfectamente definida e foi profusamente estudada nas décadas anteriores, aínda precisa camuflarse de poesía, como tantas veces o fixo, para atopar un oco editorial, porque o grande público aínda descoñece a Literatura Mïnima ou Hiperbreve.

                     Estruturado en múltiples fíos condutivos, un deles foi premiado no certame Xuventude Crea en 2014, “O grande pecador”. Conta con personaxes en lugar da voz poética tradicional da poesía. Personaxes preferentemente do núcleo  familiar: pai, nai, avó, avoa, fillos, irmáns, tíos; aínda que pode haber outros como paxaros ou galiñas. Sendo así, estando dotado de personaxes, o lóxico era que foran microcontos, mais non contan unha historia, por iso son micorrrelatos. Microrrelatos con personaxes que portan voz poética, aí é onde se produce a contaminación xenérica. A voz poética tradicional pasa a ser misión das personaxes, unhas veces, ou aparecer no remate lostregueante como un froito do narrador. Os microrrelatos de Ismael Ramos nin sequera adoptan a forma poética, non bota man do verso entendendo este como unha liña que non chega ao final, son prosa poética definida en poucas liñas, de aí que sexan Literatura Mínima ou Hiperbreve.

                     Comeza escribindo sobre a necesidade de ler, para centrarse despois en escribir, sobre a necesidade da escrita, escribir como rebelión contra a morte, como un acto de sanación, a vida como un anticipo da morte. No seguinte fío condutivo, que consta de só un un microrrelato, xa recoñece explicitamente que “isto non é un poema” (7). No seguinte fío, “ O recoñecemento” dá entrada a unha personaxe que non é do núcleo faniliar (pai, nai, avó, avoa, fillos, irmáns, tíos): un home con bigote, e volve sobre a escrita como instrumento para coñecer o mundo; despois, no segundo da serie, introduce os fillos, os fillos como a confirmación de que Deus non existe, mais é duplo, aínda lle queda lugar para o autorecoñecemento. Despois no seguinte recoñece que “o pai constrúese dentro do fillo. En madeira. Despois arde” (10). E o que vén a continuación (“A morte son os fillos”) é un dos poucos que poden ser considerados poemas e nel considérase a si mesmo como fillo. Así, pouco a pouco, vai introducindo as personaxes mentres o libro avanza.

                     Os microrrelatos con que conta Lumes – a necesidade de arder, da purificación – poden ser únicos, seriados ( e enumérase a serie) ou múltiples, o autor non queda satisfeito co primeiro que escribe e dispón outros despois. Tendendo sempre a que estes pertenzan ao núcleo familiar, o seu sangue, xa dixemos: pai, nai, avó, avoa, fillos, preferentemente. Aí procura unha xustificación para vivir, ou a felicidade, que se recoñece imposíbel e por iso coa xustificación para vivir abonda. Por iso son lumes, o autor emprega a escrita como purificación, a necesidade de arder, do lume purificador, porque todo o libro é unha procura do puro, do sen contaminar (malia o libro ser froito da contaminación xenérica), polo que se cingue ao núcleo familiar. Lumes que lle arden nun momento dado e o iluminan, iso son para o autor os microrrelatos, un por un e xuntos.

Para os amantes fieis da Literatura Mínima ou Hiperbreve, para os amantes do microrrelato en particular, que ás veces parece que leva as de perder fronte ao microconto, máis prolífico, eis un título, este de Ismael Ramos, que non poden perder.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)