ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de DEIXE A SÚA MENSAXE DESPOIS DO SINAL (Arantxa Portabales Santomé, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 13 Decembro 2017 @ 6:49 p.m.

 A VIDA DESPOIS DO PITIDO

Título: Deixe a súa mensaxe despois do sinal

Autora: Arantxa Portabales Santomé

Editorial: Galaxia

Catro mulleres, de diferente condición social, deciden contar as súas vidas despois de oír o sinal do contestador automático. Marina, avogada, logo dunha ruptura sentimental, Carmela, xubilada, con cancro e un fillo nunha ONG; Sara, a tratamento psicolóxico, vai casar; Viviana, prostituta en Madrid. Nos contestadores de Jorge, o seu ex; Manuel, o seu fillo; Bruno, o seu psicólogo; e o seu pai no caso de Viviana. Contan as súas vidas sen agardar resposta, esa é a condición, agás no caso de Sara, porque a súa comunicación forma parte da terapia que esta seguindo co psicólogo, quen lle contesta por correo electrónico, que non figura na novela. Este é o punto de partida do proxecto narrativo que nos propón Arantxa Portabales Santomé (San Sebastían, 1973). Un proxecto narrativo que se debate entre a narrativa moi curta (ás veces microrrelato), pola extensión das comunicacións, e a novela, pola que defintivamente se decantará en canto as mulleres, que en principo non teñen nada en común entres si, vaian contando as súas vidas é ao final resulte que si, que se coñecen e teñen puntos de contacto entre elas.

                     Deixe a súa mensaxe despois do sinal é novela que hai que entender dentro do contexto da recuperación da voz feminina, aínda tan afogada neste século XXI. As catro mulleres contan as súas relacións sentimentais, agás, en primeiro termo, Viviana, pola súa profesión, mais que rematará cunha relación sentimental. Insatisfactorias, case sempre, desde un punto de vista actual, mais moi importantes na novela, porque as catro necesitan o amor para sentírense vivas e realizadas. Desde esta perspectiva é unha novela moi sentimental. Son catro vidas moi diferentes que axiña se fan un oco nos pensamentos do lector. Pois a axilidade e efectividade coa que a autora narra as súas vidas é realmente notábel. Axilidade, porque os capítulos son breves, os monólogos de cada unha das catro, teñen o espazo físico que marca a dispoñibilidade de tempo do contestador. E efectividade, porque con pouco espazo a autora móvese ben e axiña consegue que o lector experimente relacións de afectividade coas personaxes, que as faga súas.

                     A causa da súa peculiar estrutura,  a novela de Arantxa Portabales Santomé está cerca da novela fractal (segundo a cocepción de Laura Zavala), mais como non se trata de caixas chinesas que encaixan unha na outra e posteriormente nunha superior, non chega a tal. Finalmente, trátase dun constructo que engloba as catro vidas das catro mulleres que, como chegan a establecer relacións entre si, hai que chamar novela. Unha novela orixinal, se é que este termo aínda conserva significado, que no século XIX, e antes, sería novela epistolar, mais que os progresos tecnolóxicos converten nunha novela oral. É importante sinalar que as comunicacións, os monólogos, das catro mulleres manteñen ben o comportamento oral, cunha lingua fluída que dá cabida a listaxes, por exemplo, sen que en ningún momento se perda ese carácter oral.

A novela pode ser lida de dúas maneiras. Tal e como suxire o índice, as comunicacións de cada muller por separado, ou dunha forma convencional, alternando os monólogos dunha e outra, tal e como aparece no deseño editorial, que foi a que fixemos nós. Mais, que finalmente establezan relacións entre si non debe entorpecer a primeira forma de lectura, porén aconsellamos a que nós fixemos. Sendo catro mulleres diferentes, os seus monólogos (salvo no caso de Sara, que hai resposta aínda que non apareza na novela) son perfectamente identificables entre si e o discurso avanza con axilidade sen ter que ir saltando capítulos. Non esquecer tampouco que se trata dunha novela de finall feliz, agás no caso de Carmela, que co seu cancro, non se pode agradar outra cousa que non sexa a morte. Isto pode ser controvertido, pode dar orixe a debates, xa que na vida real é máis frecuente a traxedia que o happy end.

Deixe a súa mensaxe despois do sinal focaliza tamén o tema da incomunicación. Parece mentira, vivindo na era da información e nun momento no que nunca o ser humano dispuxo de tantos medios cos que intercomunicarse entre si, porén nunca viviu a soidade con tanta intensidade. As catro mulleres comezan sendo catro mulleres soas, elas e as súas circunstancias, só andando a novela se poñerán en relación unhas con outras. Os seus monólogos son como catro oasis salvadores, catro ocasións de rachar a soidade aínda que non se agarde resposta, agás no caso de Sara. Finalmente, resulta unha mágoa que non se utilice plenamente a onomástica galega e que o texto non tivera unha derradeira revisión que lle podara as grallas.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)