ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A ARTE DE TROBAR (Santiago Lopo, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 27 Decembro 2017 @ 6:43 p.m.

O VALOR DA CULTURA, O VALOR DUNHA NOVELA

Título: A arte de trobar

Autor: Santiago Lopo

Editorial: Xerais

Calquera libro ten un valor intrínseco e estimábel en función do que supón para o mantemento e progreso dunha cultura. Mais esta novela de Santiago Lopo fai diso tese e, sen perder un ápice de narratividade, defende a cultura como alma dun pobo. Para iso dispón dous fíos narrativos, un en Toulouse, onde se atopan o nobre usurpador Guy de Lille e o inquisidor Guillaune Arnaud; e outro itinerante (Xaca, Burgos, Santander) composto por unha troupe de artistas itinerantes (Nuno, Xoán, Máximo. Manrique, Fadhila, cun mono e un oso) aos que se une Elvira, unha estraña moza que parece fuxir de algo. Siatuada a trama no conflito das Guerras Albixenses ou Cátaras, Elvira parece unha fuxida albixense mais a troupe de artistas itinerantes non dubidará en axudala permitíndolle viaxar na súa compaña a cambio de cartos. Este é o punto de partida da trama da novela de Santiago Lopo.

                                 A isto hai que sumar o feito de que sobre o tempo dos trobadores non hai na literatura galega moitas novelas. Recente aínda o caso de Lourenço, xograr (Manuel Portas, Premio García Barros 2015, Galaxia) só Luísa Villalta (As chaves do tempo, A Nosa Terra) achegara algún título narrativo, podendo acrecentarlle a Morte de rei (Xerais) de Darío X. Cabana, aínda que esta non trate o tema dos trobadores si ilustra unha parte da esquecida Idade Media galega. Polo que a de Santiago Lopo vén engadirse á pequena oferta de títulos que traten o tema da Idade Media, máis concretamente o tempo dos trobadores, na nosa literatura. Fundamentalmente na nosa literatura para mozos e mozas, que eran quen máis sufrían a escaseza de títulos que ilustraran un momento histórico certamente ricaz da historia galega, en contraposición ao escurantismo que se lle supón a esta época e nos vén imposto desde fóra.

                                    Estruturada neses dous fíos narrativos e escrita en capítulos breves, A arte de trobar, Premio Xerais 2017, conta cunha grande axilidade narrativa que en nada estorba para que as personaxes teñan tempo de estaren ben configuradas. Rescata un tempo duro, o das Guerras Cátaras, que supuxo o declive da cultura escrita en lingua de oc, que só a partir dos século XIX coñeceu certa revitalización, e que viña coincidir co perído de maior esplendor da cultura galego-portuguesa. Un tempo no que se reconfigurou o mapa político da Europa do século XIII e avisa do que supón a substitución lingüística como arma política, algo que aínda hoxe padecemos os galegos e que está lonxe de ser superado. Porque se trata de política, non é unha simple rivalidade cultural no mesmo territorio. É unha loita política de dominación dese territorio, antes foi a Provenza, agora, e desde hai séculos, a Galiza. Contra nós non se pronunciaron anatemas nin excomuñóns ou Cruzadas relixiosas como escusa, no seu lugar sementouse o autoodio e o sentimento de inferioridade como armas invasoras.

 Hai intereses políticos en pronunciar a defunción da cultura galega. Santiago Lopo avisa diso, nunha novela de áxil lectura e remate sorpresivo. Galiza debería ser un territorio que gozara do dominio de dúas culturas, a castelá e a galega. No seu lugar é territorio bélico. Non se enfrontan exércitos, enfróntase culturas, a castelá, estatal, e a galega, a resistir, periférica. Calquera libro escrito en lingua galega insírese nese concepto de resistencia. Porén, se ademais, como no caso de Santiago Lopo, ese libro, esa novela neste caso, advirte dos perigos da colonización lingüística, ese libro, esa novela, adquire un carácter de insubstituíbel.

                               Elvira leva oculto un códice, a caza de Elvira, prioritaria para o inquisidor Guillaume Arnaud e para o nobre usurpador Guy de Lille, por iso foxe. Por outro lado a troupe intinerante diríxese a Burgos, onde terán lugar unhas vodas reais e se supón que achará público para o seu espectáculo. As dúas liñas temáticas están condenadas a atoparse, e así o farán, no que supón o sorpresivo remate da novela, cando saibamos o tipo de códice que Elvira leva oculto e como consegue salvalo. Nin que dicir ten que incorpora cantares en galego e en occitano, ofrecendo un fresco da convivencia e encontro das culturas galega e occitana así como da vida dos trobadores que ían ofrecendo  os seus espectáculos polos camiños adiante. A novela, puntualmente, ten tempo para o encontro amoroso ou o humor, mais só puntualmente pois a  súa finalidade, como quedou dito, é outra ben diferente.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)