ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de O GRAN REXEITAMENTO/FLORES PARA ALBERT AYLER ( Daniel Salgado, Apiario Editora)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 3 Xaneiro 2018 @ 6:42 p.m.

POLOS CONDENADOS

Título: O gran rexeitamento / Fores para Albert Ayler

Autor: Daniel Salgado

Editorial: Apiario

Para comezar o ano 2018, un pouco de poesía, que é o mellor alimento para a alma, e moita alma imos necesitar todos e todas para sobrevivilo. Malia extensión do título, O gran rexeitamento / Flores para Albert Ayler é un poemario breve e intenso e un libro obxecto deses que tan ben saben facer na factoría de Apiario. O gran tema que percorre as páxinas do poemario é o avogamento polos condenados, polos escravos, así, en xeral, sen especificar ningunha circunstancia, porque condenados sempre os hai, a vida encárgase diso, e escravos somos todos, non nos engane a falsa liberdade de que din que gozamos, non é máis que outra rodela da gran maquinaria que nos escraviza a todos e todas sen exclusión.

                     O libro comeza cunha reivindicación da beleza como camiño para achar a verdade, é a verdade en marcha / testemuña do exilio / a inequívoca vontade dos condenados (1). A reivindicación da beleza, a beleza insiste /transita / entre estruturas que colapsan (1) como camiño para achar a verdade, que se vai manter ao  longo do poemario. Porque neste mundo ordenado segundo a academia (2) as pantasmas tremen ao fondo dos espellos / como restos de liberación (2) pelexando neste mundo harmonioso para quen ten o poder. Fronte a isto cómpre a revolución, o incendio, a nova desorde chama / por un sol negro / é o aviso / de que o tempo pode estoupar (3), mais a cousa non vai ser doada, non é cuestión de establecer un gran pacto como camiño cara á liberdade (4), porque o grande pacto é o que nos reduce á obediencia e contra el a pureza non serve / apenas a verdade rítmica (4). O único certo é que a lóxica é o desequilibrio (4) e contra o vento / cómpre a insitencia, a percusión constante das grandes masas de ruído histórico / a se desparazar (5), insistir, crer na procura da verdade a través da beleza, dos dominios concretos do ritmo, malia a vertixe é necesaria a detonación que esfarela / esta organización das cousas (6), a insubordinación do pasado contribúe á liberación dos mortos (7) e o verso claro, áxil, consecuente, sabedor de que a beleza está na xustiza.

                     A voz poética ten fe n´un vento furioso que atravesa os corpos / coma quen asalta un palacio (7), ningún espello resiste semellante ataque (8), aínda que emerxan dúbidas porque  a loita non é sinxela, ningún crime sen resposta / o mundo non está en calma (9). Iso si, é consciente de que estoutra beleza, a da xustiza, se produce á marxe das ordenanzas, todos os demos desatados / o sentido último do asalto (10). Malia todo persiste a crenza de que revolución non ha chegar a tempo para todos, malia todo non hai outro camiño, buscar a beleza a través d´os impecábeis desvíos / da morte (12), extraendo da ruína materiais para refundar os seus poderes (13). Mais a revolución é necesaria, o mandato di / non respectar ningunha lei (14) , e é preciso non  desmaiar porque ao final ( ese zunido informe/ pero que derrota as hostes occidentais (14)) as árbores caen  / as árbores caen (14).

                     Un pequeno poemario para restaurar as nosas crenzas de revolución social desde a beleza que leva á xustiza. Todo coa banda sonora do músico estadounidense Albert Ayler, jazz rebelde que nunca foi ben asimilado polos cánones, malia o apadriñamento de Jonh Coltrane.

 

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

                    

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)