ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A RAÍÑA DAS VELUTINAS (Lionel Rexes, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 10 Xaneiro 2018 @ 7:21 p.m.

NOVELA BREVE E METAFÓRICA

Título: A raíña das velutinas

Autor: Lionel Rexes

Editorial: Xerais

Hai dous tipos de novelas: as que contan un sucedido e as que expanden ese sucedido para que os lectores o interpretemos. A de Lionel Rexes pertence a este segundo tipo. Cómpre dicir tamén que A raíña das velutinas resultou vencedora do XXIII Premio Manuel Lueiro Rey, que é o premio de maior entidade  que leva colleitado o autor, premiado nuns cantos de menor sona, dito sexa isto desde a admiración e o respecto polo inmenso e calado traballo que estes premios levan a cabo como impulsores da cultura galega. Boa parte da novela transcorre a redor dunha casa de turismo rural da bisbarra de Mondoñedo, a Casa da Penela, alí chegan Marta e Algaria, que pertencen a unha empresa que traballa para Xunta de Galicia no control e  erradicación da vespa velutina, a vespa asiática que ameaza con  invadir todo o territorio galego á vez que mata as abellas autóctonas. Boa vinda a esta inicitiva, aínda que só sexa a nivel literario, a ver se dunha vez as autoridades competentes se deciden a facer algo contra este especie invasora que a pouco que nos decoidemos nos vai deixar sen abellas autóctonas, co que iso significa de destrución da fauna propia así como de desmantelamento dun sector produtivo do país.

                     Na Casa da Penela, Marta e Algaria coinciden cun acto que Memoria Xustiza e Acción vai desenvolver na devandita casa e arredores, as Xornadas para a memoria e  as restitucións democráticas na rexión dos Tres Vales, con ese gallo as dúas mozas participan naquelas actividades que o traballo lles permite. E a novela céntrase nesta convivencia, tinxíndose de cor nostálxica se non fora porque a memoria da Guerra Civil e posterior represión é demasiado dura como para sentir nostaxia dese tempo. Sexa como sexa, o discurso de boa parte da novela xira a redor da memoria histórica e componse dos diálogos e relacións que mateñen entre si os participantes nas Xornadas, entre os que se encontra o derradeiro guerrilleiro vivo. Todo comeza a cambiar cando as Xornadas rematan, unhas Xornadas que agora se literaturizan mais que aconteceron relamente en setembro de 2016. Entón xa Alagaria marchara, quedando todo o protagonismo para Marta, que pasa a vivir nos Hostal Trópico cunha compaña ben diferente: os traballadores que preparan a visita real  á vila que que acontecerá proximamente.

                     Boa parte do engado da novela de Lionel Rexes recae en que o título acontece despois da novela, non é o típico título que pretende resumir o contido da novela senón un título que hai que interprtetar unha vez lida a novela, como xa enunciamos, mais cómpre salientar tamén os diálogos que mateñen as personaxes, unha das cales O Mortiño lembra en parte o falecido Manuel Montero (“Merlín”), inequecíbel personaxe mindoniense que personificou en Mondoñedo a tradición do realismo máxico cunqueirián. Mais aquí non hai realimos máxico, en todo caso un realismo desiderativo que comprenderá o lector que remate a novela breve de Lionel Rexes. Pola contra, as novelas que máis lembra esta A raíña das velutinas son a Xelamonite de Luís Paradelo (Galaxia) e mais A perspectiva desde a porta de Patricia A. Janeiro (Positivas), coa salvedade que estas dúas novelas poden inxerirse no que se chama política ficción (a lembrar sempre Retorno a Tagen Ata de Ferrín) como O cervo na torre (Darío X. Cabana (Xerais), mais aquí a política ficción tena que poñer o lector, de feito a novela está concebida para que así sexa.

Unha novela para reflexionar sobre o que custou acadar este sistema de liberdades, aínda imperfecto, que posuímos hoxe. E como estas se perderon en pouco tempo mais durante décadas. A memoria histórica que habita boa parte do discurso é unha necesidade tan básica como o comer. E non é un dicir. Porque só nun sistema de liberdades o ser humano se pode realizar, pode ser el mesmo cando non ten enriba orelleiras que lle marquen o camiño. Por iso son tan importantes novelas como esta de Lionel Rexes, porque nos fan conscientes do que significa perder a liberdade e o duro que pode chegar a ser o reconquistala. Tamén o lector entenderá como deita unha imaxe clara de país, de país colonizado por unha especie invasora e que necesita reconstituírse a partir das súas esencias, ese mel autóctono, tan presente na novela, que representa o zume máis logrado de canto nos pode ofrecer a natureza.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

                    

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.