ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de ALMA E O MAR (Francisco X. Fernádez Naval)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 17 Xaneiro 2018 @ 6:35 p.m.

ALMA E A CONDICIÓN FEMININA

Título: Alma e o mar

Autor. Francisco X. Fernández Naval

Editorial: Galaxia

Logo de traballar, é guinista de cinema, nos Estados Unidos e de vivir alí unha experiencia sexual pouco convencional, Alma decide aceptar a casa que Cibrán lle ofrece na Costa da Morte para tomarse un tempo e reflexionar. Agrovello é un lugar onde acougar, onde determe un tempo e acougar, renacer sabida, como nacen as crías das golfiñas, sandar feridas e atopar un camiño (80). A novela de Fernández Naval é iso, un tempo para atopar o camiño a seguir na vida, un instante de reflexión que permita afrontar  a vida con garantías de éxito ou polo menos de non tropezar nas pedras de antes, un instante para atopar a maneira de non tropezar máis na vida. Alí, Alma enfronta unha vida nova, novas amizades, novas relacións, e  a novela convértese nunha novela de mulleres, non é que non haxa homes, mais o protagonismo téñeno elas, xa desde o tempo en Estados Unidos isto era así. Nora, Mercedes, Madinson, e na Galiza Brenda, Áurea, Nora, Silvia, Ofelia, a mesma Alma, son mulleres vítimas de inxustizas, abusos, violencia verbal e física: laboral, sexual, social, familiar.

Un retrato das mulleres de hoxe, que viven a vida coma un reto, Brenda sofre o acoso sexual todos os días, Áurea mesmo é quen de ir ao mar enrolada nunha tripulación de homes, a Ofelia algo a debeu marcar porque non fala, non di nada, non pronuncia palabra… Un retrato de mulleres de hoxe nun mundo de homes, mulleres destemidas que procuran a esencia da vida, o instante sublime, de maneira pouco convencional. Mais tamén mulleres habituadas a vivir coa traxedia abeirada ao abismo dos seus pés, esa da que non todas poderán escapar. Estruturada en doce capítulos, cada un deles é duplo, pois remata cos apuntamentos de Alma no seu caderno. Estes apuntamentos permiten a entrada na novela de textos ou reflexións de autoras moi significativas: Marina Tsvietáieva, Marta Dacosta, Eva Veiga. Marguerittte Yourcenar, Edith Södergran, Ana Romaní, Caddy Azzuba, Eve Ensler, Blanca Varela, Marilar Aleixandre, Sandra Cisneros, Margaret Atwood, María Solar, Marge Piercy. Neles, Alma reflicte o seu pensamento e tamén elabora un guión coa raíña Lupa de protagonista. A raíña Lupa, unha muller forte que resiste apegada ás vellas crenzas nun mundo onde o crstianismo é unha forza imparábel. Elas, todas, todo un símbolo.

                     Cómpre sinalar que Fernández Naval non realiza ningún esforzo extra para dar cabida a un amplo elenco de mulleres, todas elas xorden na trama de maneira natural. E o seu comportamento non é o de feministas convencidas, activistas feministas, agás quiza no caso de Nora. Son como as que podemos atopar pola rúa, cada unha coas súas circunstancias, mais todas unidas polo feito diferencial de seren mulleres nun mundo de homes. Nin a novela é un alegato antimasculino. Só son mulleres de hoxe no mundo de hoxe, suxeitas á precariedade laboral, acosadas con violencia verbal e non verbal, unha violencia moi conseguida na novela, ás veces manifesta de forma tácita e outras explícita, só por seren mulleres. Como corresponde a unha novela realista.

O feito de que Alma e Ofelia procuren realizarse sexualmente de forma pouco convencional non resulta definitivo. Si no caso de Ofelia, mais non no caso de Alma. Ofelia sofre a traxedia, no caso de Alma é o punto de partida para procurarse a si mesma e o xeito de encaixar na sociedade, de re-nacer sabida, como as golfiñas. De todos xeitos Anida tamén sofre a traxedia e no seu caso non hai práctica sexual pouco convencional, ela sófrea por ser muller, só por iso. Aquí cómpre deterse e pensar se o que lles acontece ás mulleres da novela tería acontecido de seren homes. E non, a resposta é que non. A condición femina resulta fundamental. Como o feito de que o pasado sempre volve, definitivamente no caso de Ofelia e non tanto no de Alma. Mais o pasado sempre está aí, á espreita, condicionando o presente.

Alma e o mar é unha novela realista sobre a condición feminina que foxe de efectismos e desenvolve a trama con tremenda naturalidade. É unha novela de reivindicación feminina que agacha dentro de si un thriller, como a vida mesma, na que en cada recuncho podemos atopar a traxedia á volta, agardando por nós. Reflexiona e convídanos a reflexionar sobre as condicións sociais en que vive a muller dos nosos días. Por iso é unha novela necesaria, no noso sistema literario e en calquera outro.

 

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

 

                    

 

 

4 Comments

  1. Bego:

    Sempre son benvidas estas novelas nas que a muller ten moito que falar e aportar. Saúdos

  2. Francesc Torres:

    Fantástica! La leí de un tirón (en galego!).

  3. Francesc Torres:

    Fantástica. La leí de un tirón (en galego!)

  4. xmeyre:

    Alégrame que che prestara.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.