ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de A RAZÃO DO PERVERSO (Mário J. Herrero Valeiro, Caldeirón)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 31 Xaneiro 2018 @ 6:27 p.m.

DESMITIFICANDO

Título: A razão do perverso

Autor: Mário J. Herrero Valeiro

Editorial: Caldeirón

Pasa ás veces. Os libros van chegando e o crítico vainos amoreando por orde de chegada. E o libro que hoxe traemos a estas páxinas estaba no fondo. Trátase do X Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica, editado por Caldeirón. Polo que a crónica libresca de hoxe adquire tintes de urxencia e de xustiza.

                     O primeiro que sorprende de A razão do perverso (fermosamente ilustrado por Nolo Suárez) é a case nula presenza do campo semántico do “prazer”, como en principio sería de agardar. No seu lugar, a única ave que parece é o corvo, e polas páxinas do poemario van desfilando nomes como Deleuze e Guattari, Gilles Deleuze ou Alain Badiou. O cal parece indicar cara a unha óptica filosófica do acto sexual, porén tampouco será sempre así ou decididamente así. O acto sexual tómase como un máis do ser humano, non calquera porque tamén é o acto da creación. E neste ser o acto da creación emparenta co feito da creación literaria. Mesmo co propio país, nunca escreverás / sobre o sexo do país (9) O que si podemos dicir que goberna o poemario é a razón, nas pregas da pele / a razão / nos orifícios / a fe (9). E que ten o seu aquel de político, quebrar para sempre / as inércias do país (10). O poema vólvese un algo polísémico e elástico, unha forma de entender a vidaa partir da cal foderemos / e construiremos a obra (15), unha forma de crear, como unha forma de crear é o acto sexual, como unha forma de crear é creación do propio país.

                     O pema toma forma de verso breve e intenso en moitas ocasións e camiña por unha visión da vida da cal non están exentas as súas miserias. De xeito que por “perverso” debemos entender algo moi amplo, tan amplo como o do acto sexual como mínimo, coa certeza de que a razão do perverso / será sempre vencida / pola fe do converso (25). Esta é unha das poucas conviccións que pasean polo poemario, a non ser a esterilidade, a nula función erótica do acto sexual, a intuizão resignada  / de que o final também doerá (29). Esa sensación que nos enche nada máis ler o poemario, un poemario que reflexiona sobre o propio acto da creación e chega a conclusións desoladoras mais incontradicíbeis: quendo tudo vale / nada ten mérito (…) quando tudo vale / não há mestres / não ha musas (…) quando tudo é arte / deus dá por conclusa / a sua obra (…) porque quando tudo vale, / a única honra é não estar (50-51). De maneira que o poemario vólvese unha protesta, unha contestación a que calquera cousa sexa arte, calquera invención, calquera ocorrencia, como sucede nos nosos días onde arte e consumismo se fundiron nun magma incontrolábel e amorfo que ameaza con afogar todo aquilo que si é arte porque xorde do máis nobre espírito creativo do ser humano. Nestas condicións, os livros que ninguém lê / são sempre livros de patriotas e os livros que ninguém escreve, / eses, são os livros que devemos ler (52)

                     A razão do perverso é unha desmitificadora reflexión sobre a vida, sobre o acto creativo, que pode ser o acto sexual mais tamén o propio acto da escrita, ou mesmo o acto de comuñón co irredento país. Velaí que os seus verso sexan, como se reclama, elásticos, capaces de significaren e se referiren a múltiples cousas a partir do nexo común do acto da creación, ese misterio, queremos seguir crendo, que dá á luz o mellor do ser humano nun país que qualifica de funesto, de un funesto país, / guardo lembranças obscuras (49) e pouco mellor agarda das ninfas, apenas mentiras, / silêncios / e uma traição (49).

 

                     ASDO.: Xosé M. Eyré Val

 

                    

 

Non hai comentarios

No comments yet.

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.