ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de O SONO DAS SEREAS (Xosé A. Neira Cruz, Galaxia)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 7 Febreiro 2018 @ 7:27 p.m.

UN GRAMO DE ORIXINALIDADE

Título: O sono das sereas

Autor: Xosé A. Neira Cruz

Editorial: Galaxia

Non hai dúbida, na literatura o que máis se paga é a orixinalidade. A pesar de que neste mundo parece que xa todo foi ensaiado, e precisamente por iso, aínda quedan físgoas polas cales entregar un produto novo, cun traballo de planificación estrutural, por exemplo, pouco visto. Isto é o que acontece coa novela gañadora do Premio de Narrativa Breve Repsol 2017, O sono das sereas, de Xosé A. Neira Cruz. Non se pode dicir que sexa enteiramente orixinal, parécese moito á estratexia narrativa de Suso de Toro en Círculo (1998, Xerais). Cada capítulo de O sono das sereas remata cunhas palabras que son precisamente as mesmas palabras coas que comeza o capítulo seguinte, concebindo a novela coma unha especie de espiral narrativa que ora deixa verse unhas voces ora deixa que sexan outras. Porque, para meirande dificultade técnica, o narrador non é único, vanse alternando voces narrativas segundo vai avanzando a novela. Ensarillar toda esa sucesión de narradores coa esixencia de rematar un capítulo coas plabras que comezan o seguinte non é nada sinxelo. De aí que o lector ten a comlpeta seguranza cando le que o escritor se esforzou por ofrecer un produto novo, deses que é difícl atopar no panorama literario actual.

                     Si, mais, é emocionante?, preguntarase aínda o lector, que ademais da orixinalidade volora moito que a lectura o interese, que non se lle caia das mans. Pois efectivamente, ademais de sorprendernos en cada capítulo, que tenden a ser breves, a trama engancha o lector, fidelízao. Esta entrega de Xosé A. Neira Cruz para adultos conta a historia dunha aldea da Costa da Morte na que hai unha casa, a casa do Sono, onde precisamente unha moradora padece insomnio crónico. A esta aldea chegan tres personaxes novas: un cura, unha médica e unha restauradora que vén restaurar un valioso retablo que existe na igrexa do lugar. Paula, a médica, Gloria, a resaturadora, e Pedro, o cura, atopan unha sociedade cosida por silencios atávicos que dificilmente deixa que entren nela sen respectar eses silencios. Luz, a criada do cura, é un bo exemplo de canto dicimos, silenciosa coma unha pedra, non se lle ve ningún tipo de simpatía ou boa acollida aos recén chegados, mesmo tampouco ao cura, ao cal serve cun silencio de lousa imposíbel de penetrar. Nin que dicir ten que os tres amigan unidos pola condición de foráneos nun medio hostil. Eles tres son os que van poñer ao descuberto un segredo agochado secularmente pola sociedade do lugar.

                     Esta é unha historia de segredos e supersticións, tecida con habelencia e ritmo sostido, desde que comeza ata o final non hai desmaio no ritmo expositivo e o lector matense inquedado, primeiro polo artificio narrativo e despois tamén pola propia incógnita da trama, que só no remate revela toda a dureza dun segredo gardado polo tempo naquela sociedade rural á que, séculos antes, chegara Georgius van Aken, vítima dun naufraxio, desdendente do Bosco, e elaborara aquel precioso retablo que agora Gloria se vai dedicar a restaurar. Así, a novela avanza a medio camiño entre a novela de aventuras, a novela detectivesca, a novela de medo e a novela sociolóxica, sen decidirse por ningunha delas deica o remate e sendo todas elas á vez. Como moito pode dicirse que é unha novela de misterio, ese misterio que agocha o retablo e pervive os séculos agochado nas supersticións da xente da aldea que sabe que a Casa do Sono agocha un misterio no que non é ben andar furgando mais que nin aínda así se aproxima á dureza real de cando se desvende o verdadeiro misterio agochado no retablo.

                     Como boa novela breve que é, non son moitas as personaxes que dispón a trama e esta é única, o cal quere dicir que non se perde o autor contando tramas paralelas á principal. O sono das sereas é típica novela que aproveita ler dunha sentada ou polo menos fraccionar moi pouco a súa lectura. Resulta doado deixarse enguedellar tanto pola forma polo contido. Por esa forma tan pouco frecuente, tan nova aínda con precedentes, por ese misterio que garda a sociedade da aldea durante séculos e agora se nos vai desvendar. Así pois, o lector debe saber que, cando enceta a lectura desta novela e acepta o pacto que lle propón o autor a través da novidosa forma, está entrando nun mundo narrativo que se lle vai facer difícil pospoñer, un mundo narrativo no cal con mestría introduce as voces de Gloria, Pedro e Paula e a través delas nos conta unha historia das que fan conter o alento, que se vai adentrando pouco a pouco en nós até pedirnos que non abandonemos a lectura.

 

ASDO.. Xosé M. Eyré

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)