ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de ELEFANTE (Manuel Darriba, Xerais)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 14 Febreiro 2018 @ 7:09 p.m.

DISTOPÍAS PARA PENSAR

Título: Elefante

Autor: Manuel Darriba

Editorial: Xerais

É o nome de Manuel Darriba o que identifica un autor galego preocupado por beirear o feito literario, preguntándose que é literatura e que non. Un autor anovador, un funambulista verbal que non deixa indiferente a quen o le e que cuestiona directamente os principios básicos da literatura. Imprescindíbel para estarmos ao tanto da literatura máis vangardista, as cuestións que Manuel Darriba plantexa non teñen unha resposta doada senón que a propia obra vén sendo esa resposta, polo que ten moito de experimental, experimentos con palabras que nos levan ao abismo do que é arte e o que non.

            O título que hoxe está nos trinques e que é motivos desta crónica libresca, Elefante, ten moito que ver con O bosque é grande e profundo  (Xerais, 2013) no uso da distopía como ferramenta experimental, unha ferramenta experimental que o leva a  preguntarse polos límites da humanidade, porque o concepto de humanidade está directamente ligado ao de arte, pois a arte vén sendo un fiel retrato de como é a humanidade. Así, Elefante consta de dous relatos longos e catro moi breves.O primeiro deles, e que dá título ao volume, “Elefante”, pregúntase que é arte e que non. Unha vez que a arte chegou a un estadio onde é arte do inútil, O Elefante é unha construción sen utilidade ningunha, un Edificio en si, para o que foron investidos moitos cartos e que lembra a trompa dun elefante, de aí o nome. Nun tempo onde <Os filósofos anuncian un tempo onde o inútil terá valor de seu (…)> (salientado orixinal, 9) Manuel Darriba tamén se pregunta polas relacións entre poder a arte. <O hexemónico disfrázase de avance. O antagónico parece un atraso> (salientado orixinal, 31). Como de W. G. Sebald (tamén unha personaxe de “Elefante”) a de Manuel Dariba é unha obra transxenérica, que bota man da crónica, do caderno de campo, da literatura de viaxes fundamentlamente ou sobre todo, porque a de Manuel Darriba é unha literatura de viaxes, tanto nesta “Elefante”, onde se nos presenta unha sociedade onde o inútil ten valor de seu, en por si, coma na seguinte “Os urot´oki” máis claramente e tamén era en O bosque é grande e profundo.

            A reflexión sobre a utilidade da arte deixa paso, en “Os urot´oki”, a outra que versa sobre a cultura oral e a cultura escrita, pois os urot´oki son un pobo, localizado entre Europa e Asia aínda que máis decididamente nesta, que dá preeminencia á cultura oral fronte á escrita, de feito poucos son os libros editados e lidos por unha sociedade que ocupa o seu tempo fundamentalmente en ver a tele. Algo así coma na sociedade actual, unha reflexión sobre a sociedade actual, onde os contidos audiovisuais gañan a batalla aos escritos. A narrativa de Manuel Darriba é sempre unha interrogación sobre a sociedade actual, utiliza as distopías como xeito de interpelar ao lector, como xeito de obrigalo a pensar. O oposto a esa corrente que cre que a narrativa é o cinema da mente, para o noso autor a narrativa ( e taména poesía ) é unha forma de pensar sobre a actualidade. “ Os que pensan na oralidade como obxecto de museo pronto entenderán que é todo o contrario: unha ponte ao futuro” (70). De xeito que a reflexión sobre a oralidade vólvese unha reflexión sobre o pasado e o futuro. Unha reflexión narrativa, pois a escrita de Manuel Darriba atópase lonxe do que é a narrativa de tese, de feito, se o quere, será o lector quen a estableza, aínda que esta narrativa non está concebida como para que isto se produza. É unha reflexión e un método para reflexionar, que atrapa ao lector porque desde a primeira liña se sente interpelado.

            Aínda quedan catro narracións moi breves para reforzar este carácter reflexivo da narrativa de Manuel Darriba. Como moi curtas que son, interrogan ao lector sobre que está lendo, como encaixa o que está lendo nos feitos que conforman a súa vida. Ou como non encaixan. Son catro fragmentos de vida retratados con palabras.

            Dá gusto atoparse cunha narrativa que é máis do que en principio puidera parecer, que está concebida para reflexionar sobre a vida actual e non constitúe un estéril pasatempo. Ou, dito doutra maneira, é unha maneira de encontrarlle utilidade ao que en principio só era un pasatempo. A utilidade da actividade cerebral, algo que se e está a perder nos nosos días, a actividade cerebral útil. Deste xeito convértese nun tipo de narrativa impagábel, impagábel para o lector e impagábel para o sistema literario.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)