ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

crítica de MAL MOR (Emilio Araúxo, Axóuxere)

Filed under: ACTUALIDADE LITERARIA,CRÓNICA DA CRÍTICA,CRÍTICA DE ACTUALIDADE — 21 Marzo 2018 @ 6:46 p.m.

O ESENCIALISMO DE EMILIO ARAÚXO

Título: Mal mor

Autor: Emilio Araúxo

Editorial: Axóuxere

Na Filosofía, o esencialismo é un termo que se remonta a Aristóteles e que, con maior o menor fortuna, se mantén no tempo deica hoxe. Definido como termo que engloba as doctrinas que describen a esencia – o que fai que un sexa o que é- en oposición á continxencia – o que é accidental e non cuestiona  a natureza do ser- tivo menos sorte en socioloxía, pois pode servir de base para chegar a comportamentos de homofobia, racismo, misoxinia, misandria e segregacionismo. Tivo certa sorte en literatura, ligado ao existencialismo, durante os séculos XIX e XX. Agora Emilio Araúxo proponnos revisitar o esencialismo partindo do filósofo empirista George Berkeley segundo o cal “ser é ser percibido por unha mente” Atraído por esa idea, Samuel Beckett escribía en 1981 Mal vu mal dit onde narraba a tensión vital dunha anciá irlandesa medio cega. Pois ben, como Beckett, Araúxo dá voz a unha muller maior nos labores da súa vida diaria, unha vida que transcorre coa compaña dun burro, unha cadela, coellos, unha gata e pitas, vacas non aínda que consumir consome leite. Unha existencia dura e difícil, cando as forzas xa fraquean e calquera labor se volve un mundo complicado.

Porén, o esencialismo de Emilio Araúxo non ten visos filosóficos, ou polo menos excede o círculo filosófico e é plenamente literario. Porque a  súa escrita é depurada e esencial. Recorre ao perído breve, incluso moi breve, e trunca  a sintaxe sempre na procua do esencial, o que non pode deixar de ser dito.”Pedras agora non pode con elas. Aínda tapa algunha. Valado. Pero se é grande non pode con ela” (13). Escrita depurada e esencial. Por iso lle chamamos esencialismo, un esencialismo que se fixa nun mundo que está aí, a piques de desaparecer mais segue aí, entre nós, o mundo dos vellos no rural, a súa soidade, e resulta esencial para entendermos a vida que levamos nas cidades e nos pobos, porque provén de aí, esa é a súa orixe por moito que o queiremos esquecer, arrimar a un lado. Ese é o mal mor, mal maior, a vellez,  a vellez nun mundo condenado a desaparecer mais que seguirá aí mentres a lúa alume. Unha vellez que o autor retrata en toda  súa crueldade, non son moitos os labores que unha vella pode facer facer, mais cústanlle un mundo. Existe o mundo de dentro, o da casa, e o de fóra, que basicamente é o da horta, do resto vive nunha aldea mais sen manter contacto con ninguén, a actividade fóra chégalle polo oído, a da aldea, e o da horta pola necesidade que ten de mantela.

            Así que o esencialismo de Emilio Araúxo é un esencialismo de denuncia, denuncia dun mundo, a vellez rural en soidade, que resulta inhumano. Ese mundo que se vén abaixo aínda conserva moitos vellos que se ven obrigados a vivir a vida case en completa soidade e están aí, non nos paramos a pensar neles mais están aí, sobrevivindo, coma heroes. Coma heroes que se negan a que o seu ciclo se complete. Heroes anónimos que sobreviven na dureza da soidade, que loitan por manterse en pé nunhas circunstancias que os agachan con cara de non querer que se ergan máis nunca. Mal mor resulta unha novela breve de personaxe única, se descontamos os animais que lle fan compaña á vella. Personaxe única enfrontada á vida cando as súas forzas esmorecen. Nin sequera ten nome a vella. Ela é ela en representación de todo un mundo de seres coma ela.

            Mal mor é unha novela breve para repensar, para pensarmos nese mundo que se nega a desaparecer e tamén para repensarmos as nosas orixes. Un mundo ao que lle queda a esperanza xusta para agardar unha nova xornada onde os traballos serán como na pasada. Esperanza, esa palabra difícil de prununciar cando a vellez é un feito e, como a vella de Emilio Araúxo, só queda lembrar sen acedume.Porque pouco é o que pode facer unha vella cando a idade vai tan avanzada e as forzas tan minguadas, enfrontar as tarefas cotiás de cada día e lembrar cando cada novo sol era ben distinto, sen deixar de ser o mesmo as forzas eran outras e os traballos máis levadeiros. Lembrar cando a soidade non era tanta e había compaña no fogar, aínda que todo se resolvera en coidar os pais, pois fillos non tivo a vella. Mal pode a vella representar a esencia do ser humano, que é máis complexa do que ela pode significar. Mais o esencialismo de Emilio Araúxo é un esencialismo literario, un esencialismo que, como xa dixemos, acurta os perídos, achga a linguaxe ao rexistro popular, e quebra a sintaxe até reducir a linguaxe literaria case a un balbuceo, ao balbuceo de quen ten xa as forzas xustas para ir tirando.

            ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

Non hai comentarios »

No comments yet.

RSS feed for comments on this post. TrackBack URI

Leave a comment

Line and paragraph breaks automatic, e-mail address never displayed, HTML allowed: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)