entre un mundo perfecto e o discípulo
Aquela noite Ap retirouse do espello, sentíase satisfeito, por fin a súa imaxe fora reflexada e recobrara a alma. Agora-díciase-podo abandoar o mundo virtual e voltar a realidade. Levouse a man a face e tocou só oso, mirouse a man, era a dun esquelete, entre as pernas non había nada, mellor -díxose- volvo a pantalla e colgo a alma da realidade morta.
Achegoume Levita este microconto, nun comentario que poden ler na primeira anotación de Raiolas no faiado. Un precioso microconto que me dispoño a comentar. Asústame mirar o counterize, pero por el sei que o relativo á Literatura Mínima é do máis visitado desta bitácora. Esta anotación, reconvertireina tamén en páxina, para que poida ser consultada con meirande celeridade.
Isto lémbrame tamén que teño pendente a convocatoria-proposta-proxecto de lectoescritura interactiva. Téñolle moitas ganas, e pouco tempo, a dinámica da Ferra dura, foi modificando e conformando aqueles propósitos de cando gateaba nesta plataforma. E chegará, sen dúbida.
O que agora vou escribir pode dar unha idea de en qué consistirá.
Vai í o comentario:
-Nótese a brevidade, inversamente proporcional á intensidade semántica do texto.
-A historia que propón é das máis queridas na Literatura Mínima de ficción, o xogo coa imaxe especular. Imaxe especular polarizada en dous extremos que se dan a man: yin e yan, vida e morte, soño e vixilia, ben e mal, átomo e cosmos, caos e creación...
-A intensidade da epifanía, da evocación, é directamente proporcional ao mundo cultural que o lector poida proxectar sobre o texto. Porén, cando o microconto é realmente importante, na miña opinión, é cando se fai universal, cando calquera (ou case) lector se sente abalado, impresionado, interrogado, esixido a reflexionar. Para nós isto está moi próximo á sentenza popular dos "sucedidos" ou contos orais. No volume de Francisco Rozados hai exemplos acaídos. Por exemplo:
"-Fuco, caer caíches, borracho non vés...hai que estudar a caída" (76)"
"-Fuco, ¿e non farás ti un traxe, home?
- Xa teño este, e non teño máis ca un corpo" (74)
( Quen resiste a meditar unha vez lido isto?, velaí a epifanía)
-Claro que a literatura "culta" tamén é fonte. Os autores da América Latina, beben moito máis das fontes cultas que das populares. Para eles a Literatura Mínima ten orixe culta e nace da impresión que causou neles a obra de autores europeos, xeralmente, aínda que tamén por evolución-confirmación da propia personalidade-xenialidade do autor. No Nin che conto trato con máis detemento isto, algunha vez, estimo, ha ver a luz.
-A simboloxía deste conto...hai realmente algo supérfluo nela: a referencia ao sexo. É presindíbel, sen ela o microconto conserva toda a súa forza semática sen desviarse do tema. Caso de considerar esa referencia ao sexo como imprescindíbel... resúltame un texto mesmo censurábel por machista. E o plus cómico que achega non compensa tanta reducción da esfera semántica. De preguntarse pola esenciado ser humano a pouco máis que un chiste.
-A simboloxía deste microconto convídame tamén a facerlle unha lectura en clave política. Sei, que é moi particularista, que non sería posíbel, por exemplo en México ou Calcuta. E que? Pénsese no que para nós significa as siglas AP, e a consumición a que nos leva o neoconservadurismo. E non renuncio a ela, cada lector, cada lectura, fai máis grande o texto.
-Un microconto debe obrigar a ser lido máis dunha vez, e cada vez con meirande deleite. Se non é así, perde categoría, perde perfección. Porque un microconto debe ser perfecto, sen que falta nada nin haxa unha palabra de máis. Ningunha outra fórmula escrituraria esixe tanto, nin sequera a poesía, que é a que máis se lle achega.
-Eis unha estratexia para loitar contra o esquezo inmediato, algo que practicamos todos os días, con toda a carga publicitaria, correspondencia etc que nos entra polos ollos e vai directamente ao caixón do do esquezo.
-Levita non achega información da autoría (lembro que o día 8 deste corrente desfiei a ver quen me descubría a autoría de "Hoxe síntome ben, un Balzac, rematei esta liña", que tampouco é tan difícil...pero ninguén contestou), se cadra seguindo ese xogo. Eu, querer, quixen descubrila, mais desistín.
- A razón de desistir: non me sae da cabeza este de Oscar Wilde (The complete works of Oscar Wilde, Oxford Univeersity Press, 1998)
O DISCÍPULO
Cando morreu Narciso, o remanso do seu pracer mudou dunha copa de augas doces nunha copa de lágrimas salgadas, e chegaron chorando a través dos bosques as ninfas das montañas, as oréades, para consolar ao remanso co seu canto
E cando viron que o remanso mudara dunha copa de augas doces nunha copa de augas salgadas, soltaron as verdes trenzas dos seus cabelos e berrando ao remanso dixéronlle:
-Non nos sorprende que expreses tal dó por Narciso, tan fermoso como era.
-¿Era fermoso Narciso? -dixo o remanso
-¿Quen podería sabelo mellor ca ti? -responderon as ninfas.- A nós sempre nos menosprezaba, pero a ti pretendíate, e adoitaba axeonllarse na túa beira e inclinarse a mirarte, e no espello das túas augas reflectía gustoso a súa beleza.
E o remanso respondeu:
Mais eu amaba a Narciso porque, cando tumbado á miña beira se inclinaba a mirarme, no espello dos seus ollos vía a miña propia beleza reflectida.
Comentar, comentei, fun comentando. Pero, fóra da miña vis de crítico, como creador non me resisto a intercomentar:
-Todo o que ves foi visto por outros
-Todo o que les, foi lido por outros
-Todo o que amas, foi amado por outros
-Todo o que odias foi odiado por outros
-Nada do que vexas, leas, ames ou odies, es ti
-Ti non es nda distinto do que vexas, leas, ames ou odies
-Quen escribiu isto no meu nome?
chuzame -