Nunca vin en Chantada tanta xente, este é o comentario máis repetido. Por tras, só outro: "as carrozas xa non son o que eran". Estou de acordo a medias. Primeiro, nada de "as carrozas". O folión, folión de carros. Ese é o seu nome. Claro, seguramente poucos "carroceiros" han saber o significado da palabra folión. Nin sequera na web do concello aparece unha definición clara, só unha descrición aproximada.
A verdade é que dá pena ver como a ocasión da grande folía foi derivando no tempo. Polo que eu sei pódense albiscar tres momentos. A orixe, o día en que en Chantada confluían en folía as xentes dos arredores. O desfile de carros era unha manifestación de xúbilo, de alegría, moi posibelmente se celebrara na primavera, moi-moi posibelmente; e moi-moi posibelmente foi a Igrexa a que a deslocou, como sempre, das súas datas orixinarias. A ornamentación floral lévame a pensar así. Non só ornamentación, pois na súa orixe era, esta que hoxe é Festa de Interese Turístico, unha batalla de flores na que desde os carros se lanzaban flores ao público.
Nun segundo momento, séguese mantendo ese vencello participativo basilar. Os carros agora levan enriba manifestacións gremiais, mellor que gremias : relativas aos labores cotiáns das xentes dos arredores. Era o día no que as parroquias tomaban a vila. Eran tempos, entre elas ( Mariz, O Convento...) puxaban a ver quen facía o mellor carro. Como digo, non se perdeu o espírito participativo. Viño, pan, fariña, augardente, millo, chourizos, auga...calquera cousa, pertencera ou non totalmente ao motivo do carro (o viño, por exemplo, pode ir en calquera motivo case, polo que significa de alegría e porque quén non bebe viño!), pois era compartido polos armadanzas dos carros co público.
Habería que ver até que punto o franquismo puido influir no seu desenvolvemento histórico.
Houbo ao longo do tempo, certo espírito crítico nos motivos representados nos carros. Nunca callou, non é o seu lugar. Algo máis callou o humorismo.
Hoxe non son máis que ocasión para que os pijos da vila se disfracen de labregos por unha noite ( e moi mal, por certo), que así igual saen no periódico e na tele seguro, ademais do que pon o fachendeo diante de familiares, coñecidos e amigos. Son os que máis se fan notar.
Este ano, houbo carros que eran iso, carros, apláudoos. Porque na maioría dos casos son plataformas.
Se se seguen facendo carros é polos cartos. Os cartos pagan as caixas de cervexa consumidas na elaboración da carroza. Con táboas mercadas, de medidas regulares, hoxe non pagan nin os cravos, a subvención dá para todo. Triste. Participei en tres ocasións no folión. Cun primeiro premio e dous segundos. Lembro que, na primeira carroza que fixemos, hai oito anos, non chegaramos a gastar nin 6 euros. Hoxe todo é táboa, cartón e pintura. A imaxinación desapareceu coa perda das orixes, e tamén a alegría. Outro comentario moi repetido: este ano son moi sosos, só van aí para lucirse, non comparten nada, nin viño nin auga.
Triste.
E se te fixas neses que van enriba disfrazados, entón choras. As mulleres, saia longa, mandil e pano na cabeza. Os homes: camisa sen colos, chaleque, pantalón de pana, pucha. A pouco que te fixes ves a marca dos jeans, os piercing ou aneis ou reloxios nas mulleres, rapaces con pantalóns á última moda... por non falar dos peiteados, do calzado...
Triste, para non volver.
Creo que xa o dixen, si, cando as Festas Medievais. A consellería de Cultura debería establecer algún tipo de regulamento para que non se desvirtúen este tipo de manifestacións. A de Chantada está en mans dunha asociación que a única maneira que coñece de resolver problemas é con máis cartos, e que é culpábel de boa partre desta deriva desintegradora da identidade.
chuzame -