ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

E TI, QUE NÚMERO ES?

Hai os que pensan que a música, por ser música, é algo bonito. Hai os que pensan que a literatura, por ser literatura, é algo bonito. E non é certo. Ou é algo máis ca iso. En definitiva, do que se trata é de ter unha desculpa para non sentirse comprometido, cunha terra, cunha historia, cunha lingua, cunha cultura. En definitiva, do que se trata, é de inventar un paraugas que che permita dicir que fas cultura cando en realidade estás a facer contracultura. Resulta triste, moi triste, que alguén diga que a súa cultura musical é unicamente en inglés, que digan que fan rock cantado en inglés porque esa é a súa cultura musical. Aberrante. Como tamén que alguén que escribindo en castelán pretende ser tan útil, tan recoñecido pola súa comunidade como se escribira en galego. Antes de nada a xente ten que saber en que río nada, en que terra bota as raíces, que lume o queima ou que ceo sobrevoa. Porque non todos os peitos arden co mesmo lume, porque non todos os río levan ao mesmo mar (amar), porque non todas as terras son capaces de alimentar as nossas raíces, porque non todos os ceos están enriba da nosa cabeza. Ou iso ou ser un número máis. Lembro que os números poden ser naturais, enteiros, racionais, irracionais e reais. E tamén perfectos ou deficientes. Se escolles que número queres ser, o lóxico é que o fagas e non que digas que xa escolleron por ti.