ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

O XUÍZ, A LINGUA, A LITERATURA

Dáme medo. Cando un xuíz se pon a falar de lingua éntrame un pánico atroz. Saberán moito de leis, non o discuto. Mais de lingua adoitan demostrar un coñecemento preocupantemente escaso. E xa nin me quero referir a que os escritos xudiciais están xeralmente moi-moi-moi-moi mal redactados nin coidan a propiedade lingüística, algo que é de unánime coñecemento. Non. O malo é que se poñen e soltan barbaridades que despois temos que padecer nós. Riámonos ou non do que fan e din, os que o padecemos somos os utentes da lingua e da cultura. Nin sequera me vou referir ao relativo ás linguas vernáculas, as linguas autóctonas. Collamos, por exemplo, o recente caso da sentenza contra El jueves. Seica a caricatura das discordias, o seu contido, non era “nin necesario, nin idóneo nin proporcionado”. Chama a atención o de “proporcionado”, toda caricatura se basea niso, na desproporción, sen a desproporción non existiría. O de idóneo tampouco é para menos. Adxectivar unha cousa de idónea ou non supón a elboración previa dun xuízo de valor, que como todo xuízo de valor é subxectivo e, polo tanto, non ten porque ser compartido polos demais. Empregar un xuízo de valor como xustificante dunha sentenza si é desproporcionado, absolutamente desproporcionado iso de querer que todos asumamos unha opinión particular. O de necesario…, para alén de que tamén ten moito de xuízo de valor, é que unha revista de humor non é un ben de primeira necesidade, evidentemente. Por non dicir que o que é absolutamente necesario é a liberdade de expresión que está sendo atacada por quen denunciou.

Saberán moito de leis, non o discuto. Porén, antes de exercer, había que esixirlles demostración dun amplo coñecemento cultural, coa lingua e a literatura como protagonistas centrais. Xa abonda de tanta diarrea mental. Fede que alcatrea.