ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

ESTRATEXIAS DRAMÁTICAS DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO

10 de Maio de 2013

Mar revolto foi estreada no teatro Campo Alegre de Porto, alá polo 2001, sendo representada polo Centro Dramático Galego e dirixida José Martins. En si, a peza escrita por Roberto Vidal Bolaño, reconstrúe os feitos acaecidos no secuestro do Santa María, despois Santa Liberdade. Mais nesta ocasión so protagonistas son seis personaxes de variada índole ou condición, pois é a través desles que o espectador/lector vai coñecer o desenvolvemento do secuestro que o DRIL efectuou do trasatlántico luso. De xeito que tamén a peza é a historia desas personaxes nun novo marco, nun marco que invita á liberdade.

A estratexia dramática en que asenta a peza son os diálogos qu eas personaxes teñen sen que o espectador poida ver o interlocutor. Unha hábil maaneira de reclamar a atención do espectador, lembrándolle que  a historia que se lle está contando ten moito de confidencial e o espectador é un privilexiado que pode asisitir ao seu desenvolvemento. Velaí o segredo. Poderíase contar doutras maneiras, certo, mais só esa estratexia revaloriza a historia contada a ollos do espectador. Tan simple, e tan efectivo.

Evidentemente é historia que interesa tanto a portugueses como galegos. E moito. Galvão, Soutomaior, Pepe Velo…canto lles deben liberdade e a decencia!

————————————————————————————

15 de Maio

Estou lendo A burla do galo, nas Obras completas de Positivas, ese Don Xoán de encarga que Vidal Bolaño peneirou desde Cunqueiro. Moi fiel ao mito orixinal, mais con algunhas reviravoltas que a volven moi ineteresante, como o feito de que o irreverente cómico da comedia clásica ( Ciutti, criado de D. Xoán) se volve aquí un asisado Porfirio. Á vez estou lendo unha excelente novela, A Asasina de Alexandros Papadiamandis, desas que teñen unha estrutura e estratexia narrativa tan intelixente que te prenden ás súas páxinas.

Mais é a primeira, a de Roberto Vidal Bolaño,  a que non me sae da cabeza. xa non polas súas bondades, senón porque a actualidade política ma lembra decote. Don Esmeraldino, o novo don Xoán, converte Compostela no seu curral particular, no seu galiñeiro particular. E algo así acontece na política.

Fixáronse en que Feixó, no Parlamento, non fala senón que berra coma se estivera mitineando? Claro, como vai haber alguén que lle tusa, no seu galiñeiro quen máis galea él. Por definición e porque sendo do PP pola graza de Deus non pode consentir outra cousa. Igual parece moi esaxarada esta imaxe, mais eu creo que non, penso que se axusta bastante ben á concepción que el ten do que é o Parlamento e do que é ser do PP. El berra máis ca ninguén, el ameaza máis ca ninguén;os demais falan, os demais piden explicacións; el profire o seu mitín particular no Hórreo.

A cousa varía un pouco cando fala fóra do Hórreo. Entón adopta un ton diferente, o ton propio de quen ensina a quen non sabe. Modula, enfatiza, marca os ttempos, a fin de que se perciba ben a lección. Aínda que, máis que a un mestre, se parece a un crego daqueles de pistola ao cinto por baixo da roupaxe eclesiástica, un daqueles que anatemizaban desde o púlpito.

Lamentablemente, a cultura está asusente das súas palabras. Por iso desboto o parecido co mestre.

Mais, se don Esmeraldino ten o seu contrapunto razoábel en Porfirio, non ten Feixó ningún secundario que asuma ese rol. E, máis medo que o ton e maneiras de Feixó falando…prodúcemo a convicción de que non PP xa non é posíbel ningunha personaxe que avogue pola razón.

—–

O primeiro que cómpre dicir é que A burla do galo é unha encarga. Cómpre dicilo porque non é mesmo que che encarguen unha revisión do mito de Don Xoán, que facela ti mesmo porque che aptece facela. Só no segundo caso un é libre de facer o que queira e como queira. Porén, malia esta seria limitación, Vidal Bolaño saíu do asunto con notábel éxito.

De primeiras, a estratexia inicial consistiu en enraizar o mito na cultura de nós. Cumpría saber facelo e soubo facelo. A través de Álvaro Cunqueiro, quen imaxinou un D. Xoán portugués, quen imaxinou que castigo perfecto para D. Xoán sería convertelo en galo. E aquí unha cousa hai que sinalar, pois o que vimos de dicir é moi posíbel que nin o lector nin o espectador estean/estiveran no seu coñecimento. Aínda que é un dato moi importante, importantísimo, non é unha simple cuestión anecdótica, porque a muatción de D. Esmeraldino, o este novo D. Xoán,  en galo está presente en toda a peza.

E sería lóxico agardar que agora estableceramos unha comparativa na que se comprobaran as diferenzas entre  a texto de Zorrilla e este de Vidal Bolaño. E non imos facelo, ou non exahustivamente mais resulta absolutamente imposíbel non mentar algunha delas. Concretamente, Porfirio, criado de D. Esmeraldino, personifica unha delas. Porque xa non é o típico simpático de baixa categoría social, senón unha personaxe que ten máis que ver co Sancho do Quixote que co Ciutti de Zorrilla.

Sendo unha revisión do mito, Vidal Bolaño é ben fiel a ese mito, mais non hipoteca todo á súa reescritura. E este é intre de falar da estratexia mellor aproveitada. Que non é outra que unha potente aliaxe entre dúas. Entre a inquedanza que no lector/espectador provoca o ter que dilucidar, ao longo de toda a obra, que plano prevalece, se o da realidade ou do fantástico. Entrecruzándose con este a espectión mental no lector/espectador por saber até que punto D. Esmeraldino será capaz de transgredir, sendo quen, por riba, de vestir as súas transgresión de lóxica e crítica da pacata moral social.

Xa presenta menos interese saber cal será o seu castigo, moito menos. E ollo, aí radica boa parte da forza do texto de Zorrila, mais aquí non interesa tanto o castigo ou a culpa como o sinalado no parágrafo anterior. Malia o cal, o remate do texto de Vidal Bolaño non perde interese.

Concretamente, o que menos nos prougo é o título. Que enraíza ben no noso sistema cultural, e máis no teatral, si. Mais só informa parcialmente do tipo de teatro que imos ver/ler e tematiza demasiado o concepto de «burla» cando non é a burla precisamente o obxecto principal da peza, a meu ver.

………………………………………………………………………….

Doentes, e as censuras a Roberto Vidal Bolaño

— 20 de Maio de 2013 –

Dentro do meu propio programa de homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, estou lendo Doentes, cadrou así, comecei polo segundo tomo de Positivas, e esta é a terceira obra que presenta. Non rematei aínda a lectura, mais o que vou dicir é cousa que non pode agardar. E se non pode agardar é porque o outro día pasaron na TVG un filme inspirado na obra de Roberto Vidal Bolaño.

Fíxense que eu escribín «inspirado» e na presentación do filme dise que é «adaptación cinematográfica». E obsérvese que vou falar de cinema galego coas reservas que hai que gardar cunha criatura que non deixa de estar nacendo. E un sempre debe animar, apoiar, esas cousas. Mais como crítico literario que son, non entendo ese apoio desprovisto dun xuízo serio. Por iso teño que dicir, como xa adiviñaría o lector destas liñas, que quen queira saber realmente como é e de que fala a obra de RVB…ten que ler a peza dramática ou quedará cunha idea bastante sesgada do que Doentes é.

Quen lea peza de RVB non terá dúbida, ningunha dúbida da compoñente de análise social que posúe , e que non se pode entender Doentes sen esa compoñente de análise social. Mais quen vira o filme…comprobaría como esa compoñente ficou case totalmente fóra. Pois se ben se anuncia dicindo que transcorre xusto cando Franco decide facer un hotel do que antes era un hospital…aí quedou todo. E despois o filme quédase nunha agradábel comedia, con toques que queren ser esperpénticos, con interpretacións certamente plausíbeis, unha música preciosa ( que tampouco me convence de todo, non a acabo de ver axeitada ao espírito do que escribiu RVB), esas couas…E fíxense que eu a defino como comedia mentres na ficha do filme se presenta como drama, mais é que, densidade dramática non ten ou é moi pouca…

Escribo isto hoxe, xusto cando apareceu este artigo analizando a  censura que sobre Roberto caeu. Escribo isto hoxe, cando desde o PP (partido no goberno) se proxectan sobre o cidadán censuras sen conto, desde o feito de non contestar preguntas ao de aparecer a alocución en formato dixital ou o de prescribir que é o que se pode dicir ou non se pode dicir. Ah, se Roberto ou Valle ergueran a cabeaza (deixaríalla erguer a Valle, que escribiu en castelán imperial adubado con psicoloxía de clara procedencia galega, a Roberto non, que na lingua non transixiu) sen dúbida terían materia para un extraordinario esperpento, esperpento que os políticos consevadores confundirían intencionadamente con humor inclasificábel…

……….

estratexia contra o esquezo vs estratexia contra a memoria

 — 27 de Maio de 2013-

Rematei a lectura de Doentes. Baio a indignación polo tratamento cinematográfico que se lle dá no filme «nela inspirado». Esa manía de só ver no esperpento a parte cómica, a parte de comedia, fai que o filme se vexa desposuído da cerna que lle dá identidade: a opresión que o franquismo exerceu sobre a sociedade, a opresión como fórmula de control social… que desnaturaliza a esencia humana deica volver a xente en simples monicreques con fondas traxedias no interior…que se ven na obriga de calar para conservar a vida. Velaí don Valeriano, ese cura castrense que comeza sendo un pallaso colaboracionista, un extravagante (característico de cultura e retranca) que co avanzar da historia se nos desvela como un pai desesperado loitando pola vida do seu fillo, igual que o Cañete, pai dun fuxido que acaban de matar…

Precisamente no desvelamento da intrahistoria de don Valeriano descansa grande parte da estratexia dramática que Roberto Vidal Bolaño aplica en Doentes. A peza xa de inicio invoca a Valle Inclán e o seu esperpento. E ollo, que o esperpento non é máis que un determinado tipo de retranca. E logra unha cousa: espir como ninguén a traxedia interior (froito da opresión exterior) da personaxe principal; como dicimos, iso RVB faino coma ninguén. Mais ese desvelamento, ese deixar ir coñecendo a personaxe pouco apouco, precisa da colaboración imprescindíbel dun ambiente opresivo que tamén RVB sabe tratar moi ben, sen precisar máis que inserir determinados nódulos que a poñan de manifesto e que se vaian manifestando como as liñas de puntos que delimitan a historia.

Porque o teatro de Roberto Vidal Bolaño é en si unha estratexia contra o esquezo. Bo exemplo é esta Doentes. Porque o teatro de RVB nace dun fondo coñecimento da Historia, e da indignación e da rebeldía diante de determinados feitos opresivos. Fronte  isto, o filme convértese precisamente nunha estratexia contra a memoria. Perversa estratexia desde o momento en que pretensión inicial do guión consiste precisamente en non facer un filme sobre o franquiso, xusto o contrario do que fixo Roberto Vidal Bolaño. E é que esta xente sería quen de facer un filme no que o rapamento de cabeza que se lles fixo ás mulleres (estratexia opresiva moi clara) fora unha maneira de «marcar tendencia no estilismo perruqueiril!

Sempre fun un apaixonado lector do teatro. Recomendo moi vivamente a lectura desta peza de Roberto Vidal Bolaño, polos seus propios valores dramáticos e tamén porque o filme desvirtúa por completo a creación de RVB, por completo

—————————————-

10 de xuño de 2913

As actas escuras, ou a censura da modernidade xenial

Vou aproveitar o respiro que me está concedendo do dedo, agardando que dure. Porque á mañá significouse ben, o moi cabrón…Así que boto man de algo que xa tiña medio feito. Sobre As actas escuras. As actas escuras, Premio Xacobeo 1992, permanecería sen ser representada durante dezoito anos. E malia que o premio conlevaba a edición da obra, esta so foi édita por A Nosa Terra. Resúltáballe moi incómoda o poder, o poder do PP, convocante desde a Xunta do premio, que tiña que ver como o texto gañador poñía en dúbida precisamente toda a tradición xacobea…

É  de admirar a valentía de Roberto Vidal Bolaño, presentando un texto totalemente contrario ao que se agardaría. É de admirar a valentía do xurado, concedendo o premio a un texto así de polémico. É de admirar a covardía da Adminitración, da Xunta, do PP, que nunca souberon admitir a súa derrota, contribuíndo dese xeito á constatación da grande mentira que pesa sobre a tradición xacobea, seno os seus aliados, os aliados da mentira, algo que tampouco lles é novo e que en boa lóxica deberían evitar….

Mais sobre todo é de admirar a intelixencia de Roberto Vidal Bolaño, pois As actas escuras constitúen a dramatización dunha tese, a tese de que crer que é o apóstolo Santiago quen repousa en Compostela…ben sendo equivalente a crer no conto da Caparuchiña vermella como un exercicio de realismo.

A algunha  series nortemericanas de éxito eu chámolles de discurso único, series que presentan un discurso único, un discurso que podería ser dunha única personaxe, mais como é excesivamente longo e complexo fracciónase e preséntase en pedazos, un pedazo por personaxe é dito. E é dito con rapidez, en pouco tempo. Deste xeito as personaxes perden moito na súa configuración, mais como non é doado lembrar o texto enteiro resulta, agora si, doado repetir episodios até a saciedade porque o espectador ten moitas dificultades á hora de lembrar.

Ben, pois esta técnica é a empregada por Roberto Vidal Bolaño, no 92!, e de xeito que as personaxes non perden na súa configuración senón todo o contrario! Un eclesiástico teólogo e un arqueólogo e historiador son chamados para tratar de dilucidar se son ou non os restos de Santiago os que repousan en Compostela. Entón enfróntanse a lacunosa tradición xacobea

-coa racionalidade non totalmente intervida polas necesidades eclesiásticas ( e comprensiva con elas) do dominico, capaz de diferenciar ben entre a tradición e a verdade

-co espírito libre do historiador, científico e realista

Como xa se adiantou, cómpre salientar a magnífica, a maxistral construción das personaxes, aboslutamente maxistral. Das dúas personaxes principais xa mentadas. E das outras. Desde o cardeal Payá a López Ferreiro. O sinxelo sería facer como os nortemaricanos, fraccionar a mensaxe. Mais RVB soubo atopar personalidades non totalmente coincidentes, diversas, en cada un dos bandos. xa se viu, co dominico e co historiador. Pois o mesmo sucede no bando contrario.

Velaí as razóns polas cales resulta imposíbel pousar/pausar a lectura. O espectáculo dialéctico é absolutamente gradioso. Proba do nove para unhas personaxes extrordinariamente construídas. Dramaturxia de moi alta gradación, cuns diálogos que, evidentemente, transparentan toda esa complexidade.