ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

primeira noticia dos minipedros (ii)

Por moito que queira, e interse a esta verídica historia, non podo dicir cal foi a primeira vez que me falaron dos minipedros porque a min nunca me falaron deles. Porén estean tranquilos, que iso non impedirá que che siga relatando a historia que vos estou contando.

Naquel outono de verán, o esmorecer do sol detrás do Faro xa comezaba a estender un frío manto de xeada no ar antes de que a noite acendera as luces públicas da rúa. Ao chegar á casa levaba as mans cortadas polo peso da compra, e os pés fríos. Ía abrir a porta cando xa oín ao Ío correr cara a ela, despechouna e recibiume  cun sorriso de orellas a orella.

-boa tarde, papá, agora empeza a mellor parte do día…

-Si, xa estamos xuntos, e ti e mais eu somos dous, mágoa que o tempo non nos deixe ir á Lucenza darlle unhas patadas ao balón, coma hai un mes.

-si que é boa mágoa, si…

-Xa merendaches?

-non.

-Veña, axúdame a dispoñer a compra e fágocha.

-e podo ver os debuxos do Xabarín mentres merendo?

-Podes. De paso eu descanso un chisco no sofá, que boa falta me fai.

Debín adormecer, porque na segunte acordanza que teño vexo vir a Ro polo corredor, cara a min. A televisión segue acesa. Estrañoume.

-Onde vai  o rapaz?

-Acaba de baixar un momento, foi buscar a mochila do cole, que a deixara no primeiro.

Efectivamente, aínda Ro non tivera tempo de sentar e xa chegab a Ío. Pousou a mochila  no cuarto. Veu cara a min coa libreta na man.

-non é para que corrixas, que  hoxe non teño deberes. É para que leas a historia que escribín.

-Ah, a do Día da Biblioteca

-a mesmiña.

XMEYRE (2007)