ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

primeira noticia dos minipedros (iii)

Souben dos minipedros indirectamente, a través daquel conto que  escribira o meu fillo. Ben, tampouco foi exactamente así, polo  menos non de todo. “Un mundo sen libros”,  tiña por título. Xan era un rapaz moi amante dos libros, que un día foi á Biblioteca porque xa rematara as lecturas que levara. Ao chegar alí atopou os estantes baleiros, non había nin un só libro. De volta para a casa parou na libraría da Ofelia, nin un só libro no trinque, dentro só viu revistas, xornais e cousas desas dos quioscos. Apesarado, marchou tamén de alí. E Agora, que ía facer? O conto é que, camiñando polo parque, foi dar unha patada nunha espada de madeira, pequecha, coa empuñadura pintada. Agarrouna. Mirou por se vía por alí alguén con pinta de ser seu dono. Ninguén. Reparou en que non despareceran os libros, tampouco se vía xente, nin a Ofelia estaba na libraría. Alegre polo achado, e moito máis desconcertado pola soidade, andou sen rumbo. Ou iso lle pareceu, porque non era certo. Deulle o  corpo por arrimar o lombo a unha árbore. Mais non puido. En realidade era a espada a que o conducira cara a aquela árbore.Entráronlle ganas de abrazar a árbore e ía facelo, cando a espada o movimentou bruscamente e deu de narices nun letreiro que, ao contacto coa arma de xoguete, se deixou ler. Entrada ao mundo dos minipeters, dicía. Os minipeters eran uns seres grotescos, odiosos, pequenos, verdes e cunhas orellas coma cornos de cervo. Eles foran os ladróns, roubaran todos os libros para faceren as súas casas. Loxicamente, Xan, o heroe, recuperou os libros paraque todo volvera ser como tiña que ser.Estiven a piques de contarlle que alguén escribira xa outra historia que contaba un mundo sen libros, onda estaban prohibidos e a xente tiña que memorizalos para poder transmitilos duns  a outros.Porén, calei. Engrazoume aquilo de que uns seres de fición rouben liobros para faceren as súas casas; e que as persoas desapareceran canda os libros. A xente pensa que a ficción non é realidade. Que equivocados están!, que llo pregunten a Alicia, a nena que atravesou ao país das marabillas, a mesmiña, si, ou que siga lendo esta historia que non só é certa porque eu cha conto a ti. 

XMEYRE  (2007)