ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

LITERATURA MÍNIMA

Arte concisa, breviconto, caso (de Anderson-Imbert), conto breve, conto brevísimo, conto curto, conto curtísimo, conto diminuto, conto en miniatura, conto escuálido, conto instantáneo, conto máis curto, conto rápido, fábula, ficción dun minuto, ficción rápida, ficción súbita, microconto, microficción, micro-relato, miniconto, minificción, minitexto, relato curto, relato microscópico, rompenormas, texto ultrabrevísimo, ultracurto, varia invención (de J.J. Arreola) e textículos (Cortázar), son as trinta denominacións que Violeta Rojo (1996) achou  para esta prática escritural antiquísima (con manifestacións en tódolos tempos) que recentemente está cobrando vigor inusitado (sobre todo en Hispanoamérica), que atura mal encorsetamentos taxonómicos, de difícil catalogación xenérica, que ten na brevidade un fundamental trazo identitario e caracterizador, e que, finalmente, parte moi ben colocada de cara a ser o xénero do século XXI, relevando á novela, pois parece axeitarse moi ben ás condicións de vida e á maneira de entender o mundo que, coa morte da Modernidade, aveñen. Mais estas trinta denominacións, con ser en número abondo xeneroso, nin moito menos son todas. Tamén se lles chamou-chama ultraconto, semiconto, four minutue fiction e short short story (en inglés) e artefacto . E tamén contos relampagueantes, cápsulas de enxeño, sinais de fume e brevidades.  E nin sequera agora esgotamos as posibilidades. Desde a Galiza engádense a esa listaxe os relatos ultralixeiros, as calcomanías (de Rafa Villar) e os contos ínfimos.

Velaquí outro dos temas que me leva a vontade. Nesta páxina irán aparecendo os froitos das miñas pescudas sobre esta que é a forma máis anovadora da literatura. Unha forma escritural rebelde, que non se suxeita aos cánones da literatura convencional, e absolutamente apaixonante. Literatura marxinal, si, e moi anárquica. Porén é preciso ir delimitando os agros nos que se cultiva a nova colleita,  sob pena de ficar saco sen fondo no que todo entra e nada ten forma definida. Por exemplo, non é o mesmo aquela literatura mínima na que hai personaxes e historia que aqueloutra na que non hai personaxes, a historia é mínima ou non a hai e o verdadeiro protagonismo teno o narrador. Non todo son microrrelatos, etiqueta de éxito na literatura galega, de éxito e abuso, porque parece que as editoras é a única que coñecen ou na que confían, seguindo unha práctica confusionista que non beneficia a ninguén, nin a eles ( 50 asasinatos breves, Antonio Sánchez Lorenzo; Palabras contadas, Camilo Franco;  A embaixada do vinagre, Premio Risco de Literatura Fantástica, de Xosé Luís Martínez Pereiro; eis son os títulos mellor tratado), nin ao confuso lector, nin á promoción das novas formas literarias e de autores novos… a ninguén.

Próximamente: O conto máis breve do mundo