ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

ISTO NON DEBERÍA SER UNHA NOVA PÁXINA, SOBRE LUDOPATÍAS

Porén é o que hai. Entedo que o que vou dicir agora debería continuar outra páxina (Seguimos adiante) mais, como non son capaz de escribir nela, pois vai nesta. Vai nesta algo semellante a unha declaración de intencións; por suposto, susceptíbel de mudaren aínda que non creo que de maneira significativa.

Ao neno que non ten paradura ha de lle dar, con moita frecuencia por falar de libros. Porque o neno que non ten paradurura confésase ludópata perdido e para iso son imprescindíbeis os libros. Como é iso? Cando a xente escoita a palabra “libro”, adoita pensar nun obxecto inerte, feito de papel e con letras impresas que compoñen palabras, xuntan palabras en frases, estas en cláusulas, este sen parágrafos, estes en páxinas e as páxinas todas fan o libro. É un erro que non comparto. Os libros, todos os libros, calquera libro de calquera tema ou mateira, son soños. Os libros nacen como proxectos nos que o autor se empeña tanto, aos que o autor lles quere tanto como para pasar noites sen durmir, para destinarlles horas e horas de ocio. Por iso eu creo que os libros son soños, e o corpo de papel en que os vemos envoltos non é senón estación de tránsito entre e mente (e o corazón) do autor e a mente (se cadra tamén o corazón e a memoria) do lector.

Os libros son soños e  os soños son historias. Historia é única palabra desde a que hoxe se pode definir a literatura, non hai literatura se non se conta unha historia. Do tipo que sexa, mais ten que habela. Un autor pode empregar múltiples recursos para xerar expectación, para manternos o libro aberto nas mans, mais xoga con vantaxe, xoga coa inicial curiosidade do lector. De aí que que os ludópatas, eu pecador me confeso, sexan seres especialmente curiosos, para os cales a posibilidade de coñecer unha nova historia representa un estímulo parecido a un chute de vitalidade. Xa sei, a xente tende a crer que ludópata son aqueles que manifestan afección patolóxica polos xogos de azar. A min os xogos de azar interésanmme pouco, a verdade, non me parecen divertidos. Na miña opinión, ludópata é quen procura divertirse empregando calquera medio posíbel : xogos, música, deportes….o que vostedes queiras…e sobre todo libros, esas fiestras que nunca decepcionan. Queren unha proba. Na miña vida lembro dicir que estaba aborrecido són en tres ocasións ( a derradeira hai pouco, pasando unha dor de moas), só en tres ocasións porque sempre tiven a man algún libro salvador.