ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

a confesión inconfesábel de Sulema

Había varios anos que non sabía nada dela. A última vez que a vira fora en Ourense. Baixaramos de Bande no seu coche, e hoxe iamos no meu, cara ao submundo onde non se ve o sol. Escoitamos a colaboarción de Rosa Aneiros, falaba sobre unha moza que tiña como obxectivos nesta vida rematar a carreira e, por riba de todo, facerse a cirurxía estética. Iamos calados, se cadra absortos na paisaxe xeada. De súpeto decidiu premer o botón das confidencias. 

Quen volveu xuntar os nosos camiños foi a recuperación do Catañazo Rock, en Chantada. Varios lustros despois e estaba igual, Sulema consérvase dunha maneira absolutamente envexábel. Case máxica, diría eu. Que sempre tiven para min que algo de maxia había nela, algo que eu non sabía/sei descifrar, nin me interesaba/interesa, porque o único importante é sentir o seu efecto. Inclusive non sei se en vez de efecto debería dicir afecto. E é que quen estea preto de Sulema, quen a escoite falar, aqueles privilexiados que podiamos ler os seus escritos, non podiamos deixar de sentir o seu magnetismo, e sentilo como cousa semellante ao alimento.

-Eu teño unha fantasía, un desexo que constantemente se me manifesta, gustaríame ir pola rúa abrazando á xente e acariciándoo. Ás cústa reprimirme o instinto e teño que morder os labios. Aínda que creo que non é nada malo. Eu non desexo á xente para botar un polvo con ela, o que desexo é aloumiñala, percorrer coas miñas mans o seu corpo, ou determinadas zonas do seu corpo, sei que lle pode causar pracer e iso está ben, pero o que eu quero, sobre todo, é que non se sintan sós. E sabes unha cousa?, non che me había  dar para atrás ter entre as miñas mans unha teta operada, plastificada, ou un carallo artificialmente estirado.