ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

como coñecín a Sulema (i)

Debeu ser no verán do 91 cando coñecín por primeira vez a Sulema.

Pode parecer estúpido que non lembre o día, e aínda a hora, gravada en minutos e décimas de segundo. Unha muller así non se coñece todos os días. Pois precisamente por iso; cando a coñeces, o que menos importa son as circunstancias, nada é trascendente senón o contacto das súas palabras, as cóxegas luminosas e os relustres calorosos que te estremeceron inclusive desde o eco nostálxico.

Xullo, seguro. En Bande, hoxe non sei, mais daquela poucos locais había onde poder xantar, que habitualmente faciamos no Instituo, de graza da señora Alsira. Porén, en tempo non lectivo, tocaba buscarse a vida. Nin me decatei de cómo o resturante, amplo e alto, se ateigou daquel xeito. O certo é que a camareira, pequena e espelida, conduciuna collida do brazo deica a miña mesa.

-Podo ?

Sabería, despois, que non, que foi a propia Sulema quen escolleu vir sentar á mesa que eu ocupaba. Por un libro, eu sempre ando cun libro na man. Creranme se lles digo que hoxe non son capaz de precisarlle título ou autor?

Se dixera que cada un atendeu, en respectuoso silencio, á provisión alimentar que o organismo demandaba, se o dixera, porque así sucedeu, sería mentira. Grande falsidade. Ás veces, cando Fortuna te favorece co obsequio dunha compaña como a de Sulema, teño para min que estimula en ti todos os posíbeis mecanismos de comunicación. Olladas; preguntas interiores que corren e se precipitan, que agroman e te afianzan; apágase a resonancia do balbordo dos obreiros; a luz mansa que te envolve; breves acenos, quizá imaxinados; todas as respostas que de súpeto adiviñas no cofre de sentirte verdadeiramente acompañado, non ao lado doutra presenza…

-Péstasmo mentres me traen o café?

Os seus mornos e elegantes dedos, espidos de calquera apósito de beleza supérflua, rozaron suavemente as miñas mans e, trémulos, os ollos ensináronme unha das tres visións de Sulema que gardo con mellor devoción.

Malia o comedor ser un lugar fresco no que o sol non incidía directamente, Sulema defendíase da calima co improvisado abano en que convertera algo que sacara do bolso (levaba bolso), zis-zas, movimentándoo en ángulo de 45 graos sobre a referencia do vértice vermello esquerdo dos seus labios.

Foi, ao devolvermo e vela alonxarse, cando percibín a frialdade líquida da sobremesa.

xmeyre-2008