como coñecín a Sulema (iv)
E lin (transcribo).
Campo atrás
entre os cumes escondido adormece o val,
o río ferve deitado entre penedos mansos,
sulfura fume que adormece a vida
agachada tralo granito vermello, pálida
sobre a auga verde, estantía
como agardando
vivir un tempo que nunca viviu,
Bande
É dicir, imaxe poética da vida, fixada nas coordenadas xeográficas que transitan desde Río Caldo ( o río que ferve, en alusión ás augas quentes dese río) a Bande (terras polas que transcorre o Limia que, polo menos no treito entre Bande e Santa Comba, alí onde era posíbel -e hoxe?- velo desde a estrada tinxía a auga dun verde fondo, coñezo ben o lugar).
O sobrescrito contiña aínda outro texto, estraño, breve e desacougante. Quero sinalar, antes de nada, que do primeiro prendoume o pregamento, a quebra da dimensión espacial, do referente espacial poético que difumina, redefine e reunifica a mansidade da vida adormecida.
E lin (transcribo).
No proceso que se seguiu pola morte con ensañamento de Aquilina Sebastián, acaecida o 27 dun nevado novembro de 1976, mentres xogaba distraída no parque Rosalía de Castro de Lugo, os xuíces concluíron que o deceso fora causado, sen ningún xénero de dúbidas, pola man do alias Fran (ou Cisco, nalgunhas versións) o Chocolateiro, natural do Ferrol, baseándose nunhas declaracións da interfecta e no feito comprobado de que os nenos sempre din a verdade.
O esnaquizamento do eixo temporal. O esnaquizamento da lóxica establecida, deslocando para unha concepción máis humana que legalista, feito desde unha naturalidade discursiva asentada na sinxeleza (expresiva e de razoamento) que se opón ao labirinto farragoso da práctica forense. A posta en entredito do concepto de xustiza, do concepto de xustiza e doutros a ela ligados, como os de inocencia e culpabilidade, como a condena ao réxime ditatorial de Franco (que unha vez morto aínda é quen de asasinar unha nena que xogaba distraída, inclusive desde onde desminte que o franquismo rematara con Franco e á vez é condenado), como o fundamento do veredicto e as probas en que se basea...Chamábanselle "liñas de lectura"; con cada relectura, efecto obrigado a causa da estrañeza e curtedade, asáltabanme unha vez si e outra tamén. Por non falar da inusual parella composta polo "xénero" cronístico e ese desenlace así de tenro e implacábel. Por non falar do desacougo que che abre a boca e seca na gorxa a pregunta ineludíbel (Pero...?) que á vez te embriaga cun, aparentemente, aprioristicamente antitético cóctel de inquedanza e satisfacción.
xmeyre-2008
chúzame -