ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

como coñecín a sulema (ix) ou o conto máis breve do mundo

Os medios, particularmente a prensa, preguntábanse cal era o conto máis breve do mundo. Ineludibelmente, citaban a Monterroso:

                                Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí.[1]

Por acaso aventuraban, sen convicción, que debía haber algún outro menor.

Non é que sexa un, realmente, son moitos. Velaquí unha escaleira descendente na procura do conto máis breve do mundo:

Laura Pollastri[2] cita este brevísimo co que un carteiro gañou un concurso de minificción:

                                       Vendo cuna sen estrenar.

Espectacular. Só catro palabras espertan en nós a necesidade de soñar, de imaxinar: unha historia de amor, un matrimonio (forzado?), o bebé esperando morre, a nai tamén?… O carteiro, do cal non se cita o nome, en canto leu este clasificado e antes de recurtalo do xornal, que historias imaxinaría detrás desas catro palabras de enorme poder evocador  que contan máis do que narran?

Deixo aquí espazo para que anote vostede unha, ou algunha, súa:

……………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………

Porén hainos aínda de meirande brevidade.  Lembran as tres palabras da sentenza informativa máis famosa e breve pronunciada?,  un informe de actividades bélicas máis sucinto, irónico e contundente que o emitido por Xulio César?

Veni, vidi, vinci.

 

Nesta escala descendente, velaquí un de só dúas palabras, incompletas, que lembra José Ferrándiz Lozano, aparecido na revista La Codorniz, asinado por Víctor V. E que é unha reflexión práctica sobre a preguiza:

 

A pregui… [3]

            Varios son os utores que se disputan o mérito de escribir o conto máis breve do mundo. Por exemplo. Óscar de la Borbolla, despois de recoñecer que o mellor microconto que nunca leu está escrito nunha lápida e di

 

                                         Desgraciada. [4]

achega outro da súa autoría, dunha soa palabra tamén, pero de menor capacidade de suxestiva que o precedente:

 

¿E?

Na nota 9 de  “Viaje al centro de un dinosaurio”3 , José Luís Martínez Morales sinala que Ángel Fernández lle comunicou un brevísimo (idéntico ao escrito por de la Borbolla)  da autoría de de Poli Délano, e refire tamén que o propio Augusto  Monterroso  conta con este microconto titulado “Partir de cero”:

O .[5]

Na nosa opinión, se se queren exemplos dunha soa palabra, estes últimos microcontos vense amplamente superados pola célebre expresión con que Arquímedes poñía fin a unha traballosa búsqueda:

 

                                                         Eureka

Para quen acredite que pode haber literatura onde non se len palabras, Manuel Rivas ofrécelle un onde non hai nin sequera unha soa palabra, referímonos a “O álbum furtivo”, capítulo dous de A man dos paíños[6], onde o lector ten que construír a historia a partir de fotografías. E, por non ter, nin fotografías ten o microconto, de Gullermo Samperio, “O fantasma” [7], só é un espazo en branco


[1] Obras completas (y otros cuentos), Anagrama, Barcelona, 1990 / 1ª ed. 1959.

[2] “El insidioso espacio de la letra: Juan José Arreola y el relato breve en  hispanoamérica”; Revista Interamericana de Bibliografía, volume XLVI 1-4, Washington.

[3]www. joseferrandiz.com.

[4] “Minibiografía del microcuento”, www. cuentoenred.org.

[5] La letra e, Ediciones Era, México, 1991.

[6] Xerais, 2000.