ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

como coñecín a sulema (X) ou qué é Literatura Mínima

Claro que non toda brevidade é un microconto, hai outros textos brevísimos que non contan unha historia e sitúanse entre a poesía e o ensaio, mais pletóricos de beleza, como este de Antón Baamonde:

O pasado coma unha vasta estátua de mármore…[1]

 

            Ou, decididamente, inclínanse máis do lado do ensaio, como aquí demostra tamén Antón Baamonde (mesma obra ). O texto é máis extenso, que a brevidade non ten por que ser sempre tan extrema:

O Gai Saber debe consistir en carecer de historia, de identidade, de drama. En enseñorearse do espazo propio, entre Ceo e Terra, Deuses e Mortais escoitando a chamada do que advén, do que podería salvarnos. Ese rapaz que morde a cabeza da serpe, que destrúe o sórdido peso do tempo, da trama. Que non precisa inventar o Sentido. Que existe, simplemente, e abóndalle.

Agora penso que a filosofía é isto: unha forma de autoanálise, de expresar o desamparo. Unha maneira efectiva de pensar. E así é como alcanza un a concibir outro ateísmo, outra relixión. Como expresa o desexo de tirar pola borda os procesos e o desenvolvemento, todo o que é fricción e dolor.

Hainos, así mesmo, que fan da reflexión o seu centro, sen seren, decididamente, microensaio, nin poesía, como o que segue, de Miguel Anxo Murado, que se acheaga ao aforismo:

Mirádeme ben, fixádevos; son o que estabades mirando antes de me ver e tamén  o que agora mirades .  ( A realidade)[2]

            Poesía é este, de Celso Fernández Sanmartín:

 

O prado segado, no momento queda branco.[3]

            Ou este , de Medos Romero:

                                               Lento o tempo,

                                               pingando só

                                               a mudez das augas.[4]

 


[1] A rosa sen por qué, Galaxia, 1997.[2] Bestiario de descontentos, Xerais, 1985.

[3] Fucsia, talladas, estampados, boca, edición do autor, 2002.

4 O peso da derrota, Espiral Maior, 2000.

xmeyre  (08)