ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

historia de G .

G. é unha grande muller. Cando  nova, moza fermosa, garrida  e grande cantora, casou forzada. Hoxe vai vella. O home malla nela día si e día tamén. Mais G. ten  un gran corazón, cala, mañá será outro día. Mallan tamén nela os seus propios fillos; é así, os malos exemplos teñen estes resultados, vémolo e escoitámolo todos os días.                 

Antes e  despois da voda, o home, C.,  preiteou co cuñado, P., cousas de lindes, xa se sabe, os marcos, os marcos de sempre. E nesas  acudiu a G., e volveuna forzar, unha boa muller ten que estar sempre co seu home, e ela estivo. Ela estivo, malia nunca recibir nin un aceno de agarimo. Todo o contrario. O home setiu que a tiña completamente dominada. Durante anos encerrouna e amordazouna. Foille descaradamente infiel  coas veciñas, con todas as veciñas, á luz do día. Mesmo a obrigou a traballar para elas; a riqueza doutrora da casa de G. volveuna miseria o abandono, o descoido de C, non lle quedou outra que traballar para as veciñas, as cales nalgún caso lle esmolaban algunha minucia, algunha sobra.                

E o home a mallar nela. E ela  a calar. Así foi avellentando. O reuma róelle os ósos, agora dóenlle de verdade os golpes, aos vellos vénlles todo, agora é cando o home a escalaza con máis saña, inclusive son moitos xa os fillos que tamén a bourean a gusto. O desalmado pai, C., non lles reñe, nunca lles rifou, encírraos, capitanea, dirixe, planifica. Ten outros fillos, asisten impotentes á paliza de todos os días, aprenderon a non verter bágoas e o pai agradécellelo. Aínda quedan algúns,  algúns fillos bons, que se doen con elea, que a consolan e que a coidan. Protestan, pídenlle explicacións ao pai, ao desalmado, arrepóñenselle e C. manda contra eles os outros irmáns para que os abouren, que os insulten, que os reduzan, que lles ensinen a ser bos fillos de C.                

Ela, G., cala, sofre e cala. Secretamente, seino, agarda o momento en que os seus ben amados, os que a coidan e se doen dela, se impoñan aos bastardos e ao maltratador, que lle restitúan para sempre a honra roubada, para que o desalmado  non volva poñerlle a man enriba.                

Algúns estamos fartos de que a historia de Galiza sexa así.                

 Difundide esta noticia, por favor