ferradura en tránsito

Xuro que loitarei para que a miña lingua alcance o máis amplo uso social, dentro e fóra da miña comunidade, e obteña a máxima difusión e recoñecemento en todos os ámbitos sociais.(Noeli Pocaterra)

TIPOS DE LECTURA, TIPOS DE LECTOR/INTERACCIÓN COA ANIMACIÓN Á LECTURA

TIPOS DE LECTOR, SEGUNDO AS LECTURAS QUE DEMANDAN

PROTOLECTOR.- Non sabe se lle gustará, mais é unha actividade nova e apetécelle participar.  Por riso se achega ao Club de Lectura ou Biblioteca. Non sente especial atracción pola lectura mais quere probar.

LECTOR INCONSTANTE. É o típico lector que pica en todas as flores sen decidirse por unha. Valora máis a variedade de actividades que a propia actividade lectora.

LECTOR DE AUTOR. A predilección que se amosa por un(s) autor(es) é tan grande que pouco lle interesa  á marxe desa autoría. “ A min, Harry Potter, o resto…”

LECTOR DE COLECCIÓN. Moi similar ao anterior, mais xa soubo trascender as fronteiras autoriais e inserirse nun marco máis amplo, o da colección. “ É que un “Fóra de Xogo” é coma unha garantía de que vai estar ben”

LECTOR ENDOXENÉRICO. Tamén moi similar ao anterior, só que agora non existe fronteira na colección senón xenérica. “Eu , novela de aventuras”, “ eu, novela de terror”

LECTOR DE MODALIZACIÓN ÚNICA.  “ A min, só novela”, “a min, sobre todo contos”, “ eu, poesía”

LECTOR ACUMULATIVO. Le o que sexa, independentemente do xénero en que estea modalizada a lectura. Mais tíralle moi pouco aproveitamento, non chega a sentirse atinxido pola paixón lectora, non reacciona ou reacciona moi pouco perante o contido (expresivo ou temático). Podería ser lector autónomo, mais non o é. Amosa definciencias na programación das lecturas (le de calquera xeito) e case  só as fai cando non ten máis remedio

LECTOR TRANSXENÉRICO. Dá igual, narrativa que poesía ou teatro, por exemplo. Cando o lector é xa un lector transxenérico, sabe programar as súas lecturas en función do tempo de que dispón e do tipo de lectura que pode realizar. E tíralles proveito.

LECTOR TOTAL. É dicir, o lector que non precisa soporte determinado para a lectura, o lector que sabe que a vida é o meirande soporte de historias posíbel. E sabe ir lendo (adquirindo información  a través de soportes externos) cando fai unha viaxe; que cando ve unha paisaxe…ve algo máis que árbores, relevo etc; que cando ve unha casa…ve algo máis que unha estrutura sólida habitábel ou para outras tarefas.

 

É dicir:

 

 

 

 

AUTONOMÍA LECTORA RESTRINXIDA OU INEXISTENTE       AUTONOMÍA LECTORA TOTAL

PROTOLECTOR                                                                               LECTOR TRANSXENÉRICO

LECTOR INCONSTANTE                                                                 LECTOR TOTAL

LECTOR DE AUTOR

LECTOR DE COLECCIÓN

LECTOR ENDOXENÉRICO

LECTOR DE MODALIZACIÓN ÚNICA

LECTOR ACUMULATIVO

 

 

 

 

 INTERACCIÓN COS TIPOS DE LECTOR

 

Protolector(a).O máis importante é convencer o protolector de que está diante dunha aventura nova. Iso é máis importante que seleccionar un título deses “a proba de bombas”, que non defrauda a ninguén. Resulta moi importante ter en conta as preferncias lectoras,sempre, mais neste caso non as hai, como moito maniféstase un seguidismo das modas do momento. Non se poden desaproveitar os efectos da moda do  momento, mais esas modas tamén son un cárcere que non deixa evolucionar o lector. Cómpre superalas.

Continuando co protolector, desde que este acepte a aventura de ler, é imprescindíbel sinalarlle que se non o satisfai a lectura pode trocala por outra. Non existe fracaso lector, só que agora sabemos un camiño errado, que hai que deixar para máis tarde ou esquecer. Toca seguir probando, e ninguén adoita refugar probar cousas novas, moito menos en idades escolares. E se é así, se o refuga, non pasa nada, xa retomará a experiencia, cando queira, onde a deixou. É moi importante que se sinta protagonista. Que el/ela decide.

Lector(a) inconstante. Cómpre atopar unha lectura que o apaixone, e para iso é moi importante coñecer a súas preferencias , o tipo de historias que quere ler. Mais iso, con ser moi importante, non resulta decisivo, nin moito menos. O lector ou lectora inconstante debe ter pleno coñecemento de que o/a animador(a) á lectura sabe cales son as súas inclinacións. A partir de aí, a indicación dalgunha desas lecturas “que nunca fracasan”, pode ser axeitada mais nin moito menos é unha garantía e calquera outra conforme ás súas prefrencias pode resultar exitosa.

Cómpre, e non se esqueza isto, alabar a súa capacidade para aceptar múltiples retos. Porén, o máis importante é darlle voz despois da lectura, pedirlle a súa opinión sobre o lido sempre é aconsellábel, mais neste caso é imprecindíbel  pois a reflexión despois da lectura fará máis seu o lido, e el ou ela sentirase protagonista activo(a).

Lector(a) de autor. Xa non é precisa tanta psicoloxía con este tipo de lector, mais non é momento de  deixar esta de lado. Este é un/unha lector(a) fiel, mais nun restrixido número de posibilidades lectoras, restrinxido a un só autor ou autora. Trascender esa circunscrición é o obxectivo. O primeiro é explorar se ten unha segunda opción, despois igual se lle fai caso a esa segunda opción (cómpre avaliar o grao de convicción nela) porque non resulta imprescindíbel facelo. O único imprescindíbel é presentarlle a lectura porposta como unha aventura na cal  o/a lector(a) saberá algo máis de si mesmo, como  unha oportunidade para ampliar o universo de lecer . Adoita ser moi efectivo, por exemplo, propoñerlle unha mudanza de xénero. Xa sabemos que che gusta este autor, agora imos ver que che parece este novo xénero: poesía e teatro adoitan dar moitísimo máis rendemento do que se agarda inicialmente

Lector(a) de colección. A variedade temática xa non é un problema. Agora o problema preséntao o feito de estar habituado a uns determinados esquemas modalizadores, uns determinados xeitos de contar que se cren axeitados para determinadas idades ou preferencias lectoras. Acontece isto con coleccións infantoxuvenís mais tamén con coleccións “para adultos”. O fenómeno “lector de colección” adoita ser moi aproveitado polas editoriais. O modo de proceder comeza por, no caso das coleccións infantoxuvenís, convidar o/lector(a) a que comece a explorar o mundo adulto a través das lecturas que se lles propoñen aos adultos. No caso de lectorado adulto, esa exploración proposta é do mundo en xeral, sen as  restricións duns determinados óculos po rmoi bonitos que sexan, a vida vén definida precisamente pola variedade aínda que se nos queira facer vela de xeito uniforme. Mais unha vez, o concepto de aventura lectora, e a certidume de que non existe fracaso lector, deben ser basilares.

Lector(a) de “modalización única”. Quen só le novela non saberá nunca que o teatro é moito máis dinámico. Quen só le narrativa breve ( contos, relatos) e lle dan medo extensións máis grandes, é coma quen se conforma cun grolo en lugar de beber o vaso enteiro. Quen prefire o mundo emocional ( cada vez máis reflexivo) da poesía, chegar á análise ( que un fai) desde a síntese (expresiva), cómpre propoñerlle (tipo de lector cada vez máis fecuente) o camiño inverso como unha maneira de atopar outras perspectivas – o camiño é o mesmo para ir que para volver mais a perspectiva, o que se ve, non– e compracerse na análise demorada como fórmula de seguranza.

Lector(a) acumulativo(a). De primeiras parece o tipo de lector máis complicado. Tanto lle ten ler unha cousa coma ler outra, e iso deixa en fóra de xodo o/a animador/a á lectura que non sabe moi ben por onde tirar na súa recomendación. Sabe que, recomende o que recomende, será lido. Porén esa complicación non é para tanto, abonda darle voz como lector(a). É imprescindíbel comentar con ese/a lector(a) as lecturas que fai ou fixo, ese é o camiño para que aprenda a valorizalas, a poñer cada unha no seu sitio, atopar un lugar para cada lectura que fai. E non ten que ser sempre depois da lectura, a miúdo pode ser inclusive antes, mentres se lle pregunta que tipo de lectura quere facer desta vez. A socialización da lectura axudarálle moito, atoparálle unha utilidade antes descoñecida ou infravalorada.

Lector(a) transxenérico e  Lector(a) total  Trátase de lectores(as) moi competentes, moi autónomos(as), pouca interacción cómpre con eles/elas, ou ningunha, aínda que escoitarán atentamente cada proposta que lles fagamos, valorarán cada proposta moi positivamente desde a seguranza de que iso significa que amosamos interese por eles. Chegar a ser lector(a) total só depende do tempo, e de que o/a lector(a)  se dea conta de que está lendo sempre que interpreta o que ve.

 

CODA EXPLICATIVA

+A anterior clasificación dos tipos de lectores(as) foi exposta de maneira progresiva, desde o/a menos lector(a) até o lector(a) convencido(a).

+Os/as animadores(as) á lectura deben saber que tipo de lector(a) é quen lles demanda a lectura e, en función diso, presentar o acto lector como unha posibilidade de realización persoal máis avanzada. Cada paso que se vai dando na escala presentada representa un avance na autonomía lectora e na efectividade da lectura.

+Seguramente aínda hai moito descrido ou pouco convencido en canto ás posibilidades que a lectura oferta á hora de engrandecer os procesos de pensamento que somos capaces de efectua os humanosr. Para eles simplemente dicir que a lectura transxenérica achega, nese senso, uns beneficios impensábeis que os/as mesmos(as) lectores(as) recoñecen, despois da lectura transxenérica sábense maís autónomos , máis preparados para entender a vida e con meirandes recursos á hora de efecturar os procesos de pensamento.

+ Se un bota unha ollada no reino animal, raro é aquela especie que non descifra algún tipo de signo, desde a danza das abellas até o mexos cos que o can marca territorio…o normal é que os animais descifren signos. E non só os animais, invlusive os vexetais emiten signos para que outros os decodifiquen e así sabemos que estamos na primavera ou no outono. E aínda o  mundo inerte emite tamén signos, como a erosión, por exemplo. O haitual é emitir e descifrar signos. Concretamente, a especie é máis superuior canto meirande é a súa capacidade para emitir e descifrar signos. É dicir, quen presume de non ler ( porque hai quen quen o fai. “eu agardo a que fagan a pelicula”) presume de ser pouco humano, presume de animalización retrógada consciente, de retroceder na escala evolutiva fachaendosamente.

+Ben se pode cualificar os/as animadores(as) á lectura coma os impulsores do progreso evolutivo humano, progreso ou como mínimo conservación. Honra e louvo lles  sexan xustamente recoñecidos.

 

 

TIPOS DE LECTURA

LECTURA DEMORADA. Para a narrativa longa, novela. Para lectores que precisan unha familairización  moi dilatada no tempo co contado no libro. Require moitas sesións lecoras e de non pouco tempo cada unha porque é iso o que lle asegura a familiarización.

LECTURA INTENSA. Lectura que se fai en poucas sesión lectoras ( unha, dúas ou tres), aínda que moi concentrada cada sesión. É a axeitada para o teatro, por exemplo, en lugar da novela.

LECTURA INTENSA MAIS FRAGMENTADA no tempo. Non se dispón de tanto tempo para as sesións lectoras, aínda que estas poden ser máis que no punto anterior, nesas circunstancias adoita facerse unha lectura concentrasa. Este tipo de lectura axéitase ben ao conto.

LECTURA FRAGMENTADA (mais reflexiva). As sesións lectoras son de moi breve duración. Se quere ser un tipo de lectura realmente efectivo, debe ser unha lectura desmecanizada, con pausas reflexivas. Resulta moi axeitado para a poesía, cando non se pode facer nunha lectura intensa en menos sesións. Ou para a narrativa hiperbreve, (menos de dúas páxinas de texto).

LECTURA EN SOPORTES DIFERENTES AO LIBRESCO. Banda deseñada, humor gráfico, revistas, internet…tamén son lecturas, tan válidas coma calquera outra. E desmecanizan, son propostas extra-ordinarias que dotan á lectura dunha variedade enorme. Existe lectura prácticamente para cada ocasión, para cada disposición de ánimo ou tempo.

INTERACCIÓNS COS ANIMADORES Á LECTURA

+Cando se vai recomendar un libro, o primeiro que se debe saber é o tipo de lectura que está en disposición de facer o demandante.

Recomendar unha lectura demorada a quen dispón de tempo moi fragmentario é chamar polo fracaso. Como tampouco será efectivo recomendar, para unha lectura fragmentada, Made un Galiza ( Sechu Sende, Galaxia), se esta non se fai de xeito desmecanizado, habilitando pausas lectoras para a reflexión sobre o lido. E tamén se sentirá defraudado quen opte por unha lectura demorada, unha lectura moi paxinada, e se lle dea para ler unha obra de teatro.

+Tamén resulta do máis útil saber se quen nos demanda a lectura é unha mente sintética ou analítica. A mente sintética caracterízase por chegar á analise desde a síntese expresiva, procura algo que sorprenda para despois analizar ese sorpresa. Adoita ser un tipo de lector(a) moi de poesía. A mente analítica presenta unha maneira de procesar a información radicalemente oposta, procede pouco a pouco, vai analizando pouco a pouco deica estar en condicións de establecer unha conclusión, amosa predilección pola prosa.

+Desde logo cómpre desterrar para sempre iso de que HAI UNHA LECTURA PARA CADA (TIPO DE) LECTOR. Se así fora estaríamos reproducindo un concepto de lectura moi restritivo e nada democrático. Calquera lector debe poder acceder a calquera tipo de lectura, a non ser algún tipo de lectura especializada que requira unha determinada cultura previacomo instrumento de descodificación.

En realidade existen moitas e variadas lecturas para cada (tipo de) lector, a literatura é tan grande como iso e máis, e moito máis. O único factor condicionante é o tempo,  o tempo si determina o tipo de lectura que se pode facer con éxito. Pódese ler A Biblia en moitísimas sesións lectoras moi breves, e tamén se pode ler en sesións lectoras demoradas espaciadas un mes cada unha. Pode, mais  serán lecturas moi pouco aproveitadas.

+A propósito do éxito lector, este non se pode medir só desde a satisfacción inmediatamente posterior á lectura, pois o tempo, o paso do tempo adoita redimensionar o valor do que temos lido: cousas que gustaron moito vanse apagando, van vendo reducido o seu “éxito” e outras ás que non dabamos tanto valor adquiren novas perspectivas que redimensionan e a fan máis “importante”.

+Dous procesos presentan especial interese e importancia: a desmecanización da lectura e a regulación das sesións lectoras

A lectura non debe ser nunca un acto mecánico. A lectura é unha operación intelectual, polo tanto o/a lector(a) debe saber atopar tempo para a reflexión durante a lectura ou despois dela. Debe ser consciente de que os capítulos, as partes, ou os espazos en branco son convites precisamente para a reflexión sobre o  lido e o que nos queda por ler.

Como se indicou anteriormente,  A Biblia pode ser lida de moitas maneiras. Seguro. Mais non todas son axeitadas. Do mesmo xeito que o/a animdor(a) á lectura debe saber a disposición temporaria para a lectura que se vai recomendar, iso non será nada se despois o lector non periodiza axeitadamente as sesións lectoras ( un día le dúas páxinas, tres días despos remata o capítulo, unha semana despois case le o seguite mais para rematalo agarda outros dous ou tres días….). Como paufa xeral, unha sesión lectora ben aproveitada non debe ser inferior a 45 ou 50 minutos.

 

Xosé M. Eyré